segunda-feira, março 26, 2007

RUÍDO ECLESIÁSTICO.

El Pais

Nun momento no que o ruído político faise estentóreo, a Igrexa católica parece que non quere quedarse á marxe. A Conferencia Episcopal difundiu un documento moi duro titulado Por unha cultura da vida, no que acusa ao Goberno socialista de fomentar a promiscuidade sexual e de crear leis que non protexen a vida, e a algúns medios de comunicación de promover o aborto e a eutanasia.

Os bispos teñen todo o dereito a expresarse publicamente, ata se o fan en termos tan apocalípticos, pero non deberían esquecer que esas normas que censuran están vixentes desde fai máis de dúas décadas, non polo capricho arbitrario dunha minoría despótica, senón logo de ser debatidas e aprobadas democraticamente polo Parlamento.

O pronunciamento encaixa coa recente exhortación do papa Bieito XVI á loita ideolóxica por parte dos príncipes da Igrexa (Sacramentum Caritatis) e co pronunciamento do propio pontífice con motivo do 50 aniversario da UE, á que acusou de “apostatar de si mesma” polas resistencias a incluír unha referencia ás raíces cristiás europeas no preámbulo do Tratado Constitucional.

O belixerante documento dos bispos españois demostra que a Igrexa proponse dar unha proxección temporal, política, á súa insistencia en esixir o recoñecemento do papel fundacional do cristianismo na identidade europea. A súa esixencia ao Goberno e ao Parlamento de que dean marcha atrás na aplicación de dereitos sociais legais plenamente consolidados e aceptados pola maioría da sociedade hespañola pasa por encima do carácter aconfesional do Estado constitucional hespañol. Do mesmo xeito que a Conferencia Episcopal reclamou o dereito a participar na vida política, ha de aceptar que non pode invocar unha intrínseca superioridade moral para erixirse en xuíz sobre cuestións que responden á exclusiva ética do individuo e que están reguladas polo conxunto da sociedade.

http://www.elpais.com/articulo/opinion/Ruido/eclesial/elpepuopi/20070326elpepiopi_3/Tes

Sem comentários: