sábado, março 24, 2007

SR.GUILLERME VÁZQUEZ, AS MINORÍAS SI TEÑEN DEREITOS (Artigo completo)

Hoxe o xornal Faro de Vigo publica un artigo do Sr.Gómez-Valadés en resposta a outro anterior de D. Guillerme Vázquez tamén publicado días atrás no mesmo xornal.

O artigo do Sr.Gómez-Valadés non sae publicado na súa integridade por motivos de espazo no xornal. GALIZA SOSEGO tivo aceso ao artigo completo e a continuación o publicamos.














SR.GUILLERME VÁZQUEZ,
AS MINORÍAS SI TEÑEN DEREITOS

Pedro Gómez-Valadés

Que doado é, tirando de tópicos de todo a cen, demagoxia barata e medias verdades (cando non mentiras completas) e coa axuda inestimábel da descontextualización, disparar contra o pianista. Porque non é, sen dúbida, o señor ex-deputado Guillerme Vázquez, opinador nestas páxinas do Faro, ningún orfebre da palabra. Mais teño a certeza de que si sabe o que debe dicir e o que é quizais máis importante, cando e para quen debe dicilo. E como home que “peitea canas” cumpre perfectamente a función que lle encomendan. Repasemos os feitos:

O pasado 1 de decembro nace en Compostela a Asociación Galega de Amizade con Israel (e non como sen dúbida con moi mala intención di o señor ex-deputado “Asociación Galega de Amizade co “estado” de Israel). Nace a Asociación da iniciativa dun amplo grupo de persoas, de toda Galiza, de todas as profesións e o que é máis importante, de todos os partidos. E para que a Asociación? Esta é a pregunta que cae en todas e cada unha das entrevistas que tiven a ben responder, unhas por mor do feito en si do nacemento da Asociación e outras, lamentabelmente a causa da pretensión que desde algúns sectores do BNG intentan forzar unha suposta incompatibilidade entre militar no BNG e participar dunha asociación legal e con fins claros e públicos. E que fins se marca AGAI? Nos principios básicos do Manifesto Fundaciónal de AGAI, e obviamente nos seus Estatutos, fican claros:

* Recuperar como parte da nosa Memoria Histórica como galegos e galegas o legado, a pegada que a presenza secular do pobo xudeu deixou no noso País.

* Combater a banalización cando non a directa negación do Holocausto. Porque agora que por lei de vida, as persoas que foron testemuñas directas daquela barbarie que asolou Europa no corazón do século XX, comezan a desaparecer, cómpre manter máis viva que nunca para as futuras xeracións, esta dramática lección do que a intolerancia, o totalitarismo e a xenofobia foi quen de xerar.

* Achegar información alternativa á que desde moitas e variadas fontes recibimos cada día a propósito do conflito árabe-israelí. Porque contra o que algúns poidan pensar, non é este un conflito de bos e malos, en branco e negro. É un drama complexo que require dotarse da maior obxectividade posíbel procurando non caer na trampa de elevar a categoria de información o que só é propaganda.

Pois ben, seica para algúns, nomeadamente o señor Vázquez, defender estes obxectivos é “imperialista” e, xa que logo, nunha lectura interesada e falsa, enfronta esa suposta defensa do “imperialismo” israelí (un pais máis pequeno que Galiza) coa defensa que o BNG fai do antiimperialismo. Pretender dar máis información é para algúns un delito. Afirma o señor Vázquez que ser socio de AGAI e militar no BNG é “defender ideas contrarias”. O señor Vázquez sabe tan ben coma min, que ademais dalgunha resolución, algunhas liñas perdidas, o debate no seo do BNG sobre esta e outras moitas cuestións fica pendente. Non hai nada, nada, nos textos do BNG que confirme a suposta contradición que suporía ser socio de AGAI e militar no BNG. Como a mesma Executiva Nacional do BNG manifestara en primeira instancia, hai unha “discoincidencia” non unha contradición. E o que si aparece nos textos do BNG, e o dereito á Discrepancia pública. E o Dereito á Discrepancia pública non é un adorno nos Estatutos, é unha clausula de salvagarda que toda organización democrática debe ter para poder acollerse a ela, e manterse como tal, democrática. Nunha interpretación empobrecedora e interesada dos textos do BNG este dereito seica é para algúns, un puro e simple artigo engadido por imperativo legal. Comparar a lexítima discrepancia que unha visión alternativa ou complementaria do conflito poidamos ter moitos militantes do BNG, con casos supostos de “defender que Galiza é unha rexión, que a lingua galega non debe ser defendida ou que a discriminación de xénero ou racial é defendíbel” é ademais dun insulto á intelixencia dos lectores, un argumento impropio por pobre e demagóxico de quen tivo altas responsabilidades no BNG. Se todo o que o señor ex-deputado pode argumentar é isto...

E si señor Vázquez. É un problema de simple e pura liberdade de expresión. Aínda que así non o queira recoñecer quen pretende limitala. Non pode o BNG, forza que non esquezamos ten responsabilidades de goberno na Xunta, pretender ser unha opción que aspire a acadar o respaldo maioritario da sociedade galega e ao mesmo tempo cercenar inxustificabelmente a liberdade de opinión e de expresión no seu seo. Cal sería a percepción que a sociedade galega tería dunha organización que así actúa contra os seus propios militantes? Se así actúa contra os da casa, que faría cos de fóra ese BNG que o señor Vazquez defende, de ter maiorías que o facultaran a actuar sen disimulo? A oferta plural e democrática do BNG é real ou é un decorado de cartón-pedra? Eu e os que sendo militantes do BNG somos tamén socios da Asociación Galega de Amizade con Israel, defendemos un BNG plural como a sociedade que quere representar. Democrático, tolerante, e aberto. Un BNG que así é recollido nos nosos textos. Cumprir con ese BNG casa común de todo o nacionalismo, de todo o galeguismo, é un mandato imperativo para todos e cada un dos que participamos, sexa no nível que sexa, da construción dun BNG máis amplo, moito máis amplo e que sexa quen de gobernar o noso País sen que esa posibilidade produza arrepios a ningún galego. Despídese o señor ex-deputado Vázquez cunha simplona descualificación de Pilar Rahola. É moito máis fácil desde logo a descualificación que a contraargumentación. Sobre todo, cando non se teñen argumentos como semella é o caso. Eu remato cunha reflexión en voz alta: E se son xudeu? Segundo o señor Vázquez e os que coma el negan o meu dereito a pertencer a Asociación Galega de Amizade con Israel e militar no BNG, se sendo xudeu participo dunha asociación de amizade con Israel non podo militar no BNG. Podería votar por suposto, máis non militar. Confío que este despropósito remate axiña e remate ben. Porque eu quero que no BNG o señor Vázquez e os que coma el pensan, poidan defender abertamente as súas lexítimas ideas. E que o señor Vázquez e os que como el pensan, me permitan discrepar sen que iso sexa motivo de acoso ou linchamento ningún. Coma dixo Voltaire: “Estou en completo desacordo con Vostede, mais daría a miña vida para que Vostede poidera seguir defendendo o que pensa”.

2 comentários:

Anónimo disse...

Artigo no Faro:

http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pNumEjemplar=2940&pIdSeccion=5&pIdNoticia=125393&rand=1174717464106

Xosé M. González disse...

O artigo da Pilar Rahola constitúe unha falta de respecto, cando non un ataque indisimulado, ao BNG no seu conxunto. Confunde as partes e o todo de tal maneira que parece incrible nunha persoa intelixente e reflexiva; a non ser que, precisamente, se decate perfectamente do que di e o faga a conciencia.

Dío alguén que, en varios outros foros, manifestou que o Pérez-Valadés debe seguir no BNG e tentou argumentalo. Pero amigos coma a señora catalá, desta volta, estaban máis bonitos se calasen.