domingo, março 25, 2007

Texto íntegro da declaración elaborada pola Presidencia alemana con motivo do 50 Aniversario do Tratado de Roma:

«Durante séculos Europa foi unha idea, unha esperanza de paz e entendemento. Esta esperanza fíxose realidade. A unificación europea procurounos paz e benestar, cimentou a nosa comunidade e superou as nosas contradicións. Cada membro contribuíu a unificar Europa e a fortalecer a democracia e o Estado de Dereito. Grazas ao ansia de liberdade das xentes de Europa Central e Oriental, hoxe fica superada definitivamente a división artificial de Europa.

Coa unificación europea demostramos ter aprendido a lección das confrontacións sanguentas e dunha historia chea de sufrimento. Hoxe vivimos xuntos, dunha maneira que nunca foi posíbel no pasado. Os cidadáns e cidadás da Unión Europea, para fortuna nosa, estamos unidos. Na Unión Europea estamos a facer realidade os nosos ideais comúns: para nós, o ser humano é o centro de todas as cousas. A súa dignidade é sagrada. Os seus dereitos son inalienábeis. Mulleres e homes teñen os mesmos dereitos. Esforzámonos por acadar a paz e a liberdade, a democracia e o Estado de Dereito, o respecto mutuo e a responsabilidade recíproca, o benestar e a seguridade, a tolerancia e a participación, a xustiza e a solidariedade.

Na Unión Europea vivimos e actuamos xuntos de maneira destacada, e isto se manifesta na convivencia democrática entre os Estados membros e as institucións europeas. A Unión Europea se funda na igualdade de dereitos e a convivencia solidaria. Así facemos posíbel un equilibrio xusto entre os intereses dos distintos Estados membros. Na Unión Europea preservamos a identidade dos Estados membros e a diversidade das súas tradicións. Valoramos como unha riqueza as nosas fronteiras abertas e a viva diversidade das nosas linguas, culturas e rexións.

Hai moitas metas que non podemos acadar sós, mais si xuntos. As tarefas se reparten entre a Unión Europea, os Estados membros, as súas rexións e os seus municipios.

Enfrontámonos a grandes desafíos que non se deteñen nas fronteiras nacionais. A Unión Europea é a nosa resposta a eles. Só unidos podemos preservar no futuro o noso ideal europeu de sociedade, en beneficio de todos os cidadáns e a cidadás da Unión Europea. Este modelo europeu aúna o éxito económico e a responsabilidade social. O mercado común e o euro fannos fortes. Con eles podemos amoldar ao noso sistema de valores a crecente interdependencia económica mundial e a cada vez máis intensa competencia que impera nos mercados internacionais.

A riqueza de Europa baséase no coñecemento e as capacidades das súas xentes: esta é a clave do crecemento, o emprego e a cohesión social».

Berlín, 25 de Marzo de 2006

Sem comentários: