sábado, abril 07, 2007

Bispos negros contra curas vermellos

Roma contra Cristo

Carlo Frabetti
Rebelión

Non é casual que, precisamente nestes momentos de máxima tensión entre a dereita botada ao monte e a pseudoesquerda parlamentaria, o arcebispado de Madrid pretenda pechar a parroquia de San Carlos Borromeo, en Entrevías. A tropa de inquisidores, misóxinos e carcamais que, cun pastor alemán á cabeza, gobernan a Igrexa, non poden permitir que unha parroquia da capital do nacionalcatolicismo estea en mans de verdadeiros cristiáns, de “curas vermellos” que axudan aos pobres, aos drogadictos, aos ex presidiarios e aos inmigrantes, e que ata teñen a ousadía de comulgar con rosquillas no canto de facelo con rodas de muíño.

Non é casual que o proceso de fascistización acelerada de Occidente iniciado co pretexto do 11-S coincida cun proceso igualmente acelerado de “romanización” da Igrexa, coa reactivación do Santo Oficio, co auxe do Opus Dei e os Lexionarios de Cristo, coa persecución sistemática (sistémica) da teoloxía da liberación e do cristianismo de base en xeral.

Tanto o imperialismo estadounidense como o subimperialismo europeo (e moi concretamente o hespañol), así como os detentores do “poder temporal” da Igrexa, estanlle vendo as orellas ao lobo, ou, máis exactamente e para seguir coas metáforas zoolóxicas, estanlle vendo a crista ao galo vermello. E en consecuencia, o galo negro, que levaba un par de décadas créndose o amo indiscutido do curral, entrou en pánico. As negras sotanas dos bispos e as camisas negras dos neofascistas xa non lles chegan ao corpo: a ultradereita ten medo (non hai que esquecer que un fascista é un burgués asustado) e ataca á desesperada, con furia cega, en todas partes. Por iso a cruzada contra os infieis e os “terroristas” ten tantas frontes. E por iso unha das máis castigadas trincheiras da resistencia antifascista de Madrid está en Entrevías.

Os que temos o privilexio de coñecer a Enrique de Castro e aos demais “curas vermellos” e seguimos de preto a heroica loita das Nais Contra a Droga (por citar só un dos movementos sociais xurdidos ao amparo da parroquia de San Carlos Borromeo), só podemos sentir indignación e desprezo ante esta nova exhibición de prepotencia curialesca, ante esta nova persecución dos cristiáns orquestrada por Roma, como a de Nerón, pero moito máis vil, moito máis repugnante, posto que agora os verdugos son quen se auto proclaman ministros do mesmo Cristo ao que volven a crucificar todos os días.

Pero a indignación e o desprezo non bastan. Non podemos abandonar a fronte de Entrevías, non podemos desertar desa trincheira da dignidade e a coraxe que é a parroquia de San Carlos Borromeo. Porque é moito o que está en xogo, e non se trata só dunha batalla simbólica: trátase de pararlle os pés ao mesmo nacionalcatolicismo que, para non ter que renunciar aos seus privilexios, provocou unha guerra civil e fixo posibles catro décadas de ditadura criminal.

http://www.rebelion.org/noticia.php?id=49260

Sem comentários: