terça-feira, abril 03, 2007

Entrevista a Pedro Gómez-Valadés

«Quintana debe aclarar se un xudeu pode militar no BNG»

O presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel quere poder discrepar «sen medo ao acoso»

La Voz de Galicia (Firma: E. V. Pita)

O presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) e xefe comarcal de Esquerda Nacionalista -partido político integrado no BNG- en Vigo vive unha situación «desagradable» porque moitos compañeiros do Bloque pediron a súa cabeza na última asemblea.

- Cómo se sinte?

- Mal. Quero concluír este despropósito. Está nas mans do BNG dar unha mensaxe clara que diga que calquera militante pode participar nesta asociación lícita sen medo ao acoso. Senón irei ao xulgado. Dar a calada por resposta é ser cómplice deste linchamento.

- Que defende AGAI?

- Non somos un club de fans do Goberno israelí senón do seu pobo. A solución pasa por crear dous Estados. A esperanza dos palestinos é a democracia israelí, non as teocracias da zona.

- Hai dúas semanas o embaixador de Israel enviou unha carta a Anxo Quintana. Hai resposta?

- O vicepresidente da Xunta non contestou, o que é un signo de paletismo político. Podería alegar que era un asunto interno, pero non caer nesta falta de cortesía. Falamos de alguén que goberna Galicia e non ten o mínimo de protocolo.

- Onte dixo Feijoo, dirixente do PP galego, que lle preocupa o comportamento antisemita do Bloque.

- Non todo aquel que critique a Israel é antisemita. Pero na asemblea comarcal houbo quen dixo que a solución do conflito pasa por que Irán tire a bomba atómica en Israel e algúns aplaudiron. Un informe da UE do 2004 di que España é o país máis antisemita de Europa. O cidadán galego non é antisemita, senón algúns compañeiros do BNG con actitudes malsáns. Parte da esquerda agocha posicións antisemitas baixo a careta politicamente correcta do antisionismo ou o antiimperialismo.

- É vostede xudeu?

- Non quero responder a esa pregunta porque queda dentro da parte privada da miña vida. En Galicia, hai unha ducia de xudeus, algúns exiliados de esquerda fuxidos da ditadura arxentina. Doulle a volta a pregunta: Se eu son xudeu, podo militar no BNG? Quintana debe aclarar isto.

- É axente do Mossad?

-É unha imbecilidade.


http://www.lavozdegalicia.es/se_galicia/noticia.jsp?CAT=102&TEXTO=5685708

Sem comentários: