terça-feira, abril 03, 2007

O LÍDER DO BLOQUE CRITICA A CARTA DE PROTESTA QUE LLE ENVIOU A EMBAIXADA POLA EXPULSIÓN DUN DIRIXENTE PROISRAELÍ

Quintana acusa a Israel de "inmiscirse" nos conflitos internos do BNG

Case 200 militantes e simpatizantes nacionalistas esixen nunha misiva que se free o expediente de expulsión aberto contra Pedro Gómez-Valadés, presidente dunha asociación de amizade con Israel.

La Opinión A Coruña.es /P. MERA

O voceiro nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, esixíulle a Israel que evite "inmiscirse" nos asuntos internos do Bloque. Referíase así ao polémico proceso de expulsión do partido de Pedro Gómez-Valadés, dirixente nacionalista en Vigo e presidente de AGAI, unha asociación proisraelí á que o Bloque vigués acusa de ser "imperialista" e contraria aos seus principios. Aínda que até agora evitara as manifestacións públicas sobre o caso desde que comezou, hai xa case dous meses, Quintana decidiu onte pronunciarse sobre a posible expulsión de Valadés para responder á carta de protesta que a embaixada israelí lle remitiu cando soubo da polémica.

Quintana foi directo: "Eu francamente non creo que sexa produto do bo sentido da diplomacia internacional inmiscirse nas cuestións internas dunha organización política soberana dun estado soberano. Paréceme inaudito que a embaixada de calquera país, sexa o que sexa, que utilice o seu esforzo diplomático para inmiscirse nas cuestións internas duna organización política e ademais tomar partido nelas".

O vicepresidente da Xunta non aforrou adxectivos á hora de referirse á misiva remitida pola embaixada hebrea interesándose polo caso Valadés. "Paréceme autenticamente absurdo, fóra de lugar e impropio dunha embaixada dun Estado como o de Israel. E como me parece impropio non vou contestar a aseveracións impropias e fóra de lugar".

Na súa carta, enviada ao propio Quintana hai xa quince días, a embaixada israelí consideraba que o trato do Bloque co presidente de AGAI é "extremo" e solicitáballe ao líder do partido que non se "consumase" a súa expulsión. O voceiro da embaixada, Edwin Yabo, explicaba onte a LA OPINIÓN que aínda non recibiran resposta ningunha por parte da dirección do BNG.

Malia o seu malestar, a da embaixada israelí non será a única carta que reciba Quintana para protestar polo expediente de expulsión aberto a Valadés nos órganos comarcais do partido, e que agora está pendente da decisión do Consello Comarcal de Vigo. Case 200 militantes e simpatizantes nacionalistas teñen asinado unha carta aberta a Anxo Quintana, para esixirlle que free o que cualifican de "purga" nas filas nacionalistas. A carta, que foi redactada hai xa case un mes -hai dúas semanas contaba só con 50 asinantes- e que aínda non foi remitida a Quintana, advirte de que esta "depuración" no partido contradí os principios de "pluralismo e respecto das minorías" que sempre foron "un valor" dentro do BNG. Segundo o texto, a posible expulsión de Valadés por simpatizar publicamente co pobo xudeu "aniquila o sistema organizativo e representativo do BNG, e substitúeo por outro de purgas e imposicións de maiorías circunstanciais". A misiva, que pode ser consultada e asinada en internet, achaca a recente votación da Asemblea Comarcal do BNG para que Valadés sexa expulsado a "unha lectura maniquea e unilateral" do conflito que se vive no Oriente Próximo entre palestinos e israelíes. Ademais, alerta da influencia que pode ter o conflito con Valadés na imaxe do BNG ao considerar que a polémica "desmobiliza e retrae os apoios sociais" do partido.

Anxo Quintana desmentiu onte de xeito contundente a posible expulsión de Valadés: "Non houbo nin hai ningún expediente de expulsión contra ningún compañeiro do BNG por pertencer a ningunha asociación. Polo tanto, eu espero que cese calquera campaña de vitimismo infundada".

O líder nacionalista chamou ao dirixente de AGAI a aceptar as críticas. "Hai uns días a asemblea comarcal de Vigo, unha asemblea democrática, recriminou a actitude dun compañeiro, por ter determinadas actitudes ao respecto do conflicto de Israel con Palestina".

O voceiro nacional do BNG "invitou" a Valadés a "obrar en consecuencia", e a adoptar "a liña e na dirección que el considere oportuna. Claro, os que defenden o pluralismo non poden botar as mans á cabeza porque despois ese pluralismo opte, democraticamente, por recriminar determinadas actitudes".

"Non imos escondernos", di un edil nacionalista e membro de AGAI

O caso de Abel García é moi similar ao de Pedro Gómez-Valadés: el tamén é un dos membros fundadores de AGAI e ao mesmo tempo milita no BNG (ten un cargo de edil no concello de Neda), dúas situacións que son "discoincidentes" para o Bloque de Vigo, onde se iniciou o proceso de expulsión de Valadés. En total son case 50 os militantes nacionalistas que tamén son socios de AGAI (un coletivo que tamén conta con afiliados ao PSdeG e ao PP), aínda que só Valadés se enfronta a un expediente de expulsión por presidir esta organización de amizade co pobo israelí.

Con todo, o edil nacionalista nega que se empregase a presenza de membros do BNG na asociación para darlle publicidade a AGAI

-creada en decembro de 2006-. "En ningún momento quixemos vincular unha cousa coa outra, pero tamén temos claro que non imos escondernos: nin nos actos do BNG imos negar que estamos en AGAI nin viceversa", advirte García, quen ademais lembra que "en ningún documento oficial do Bloque se prohíbe formar parte dun colectivo de amizade cun país". "En todo caso, os estatutos si recoñecen o dereito á discrepancia pública dos militantes", di.

http://www.laopinioncoruna.es/secciones/noticia.jsp?pIdNoticia=99413&pIdSeccion=4&pNumEjemplar=2352

Sem comentários: