quinta-feira, abril 12, 2007

QUINTANA, NA APRESENTACIÓN DE TOMÁS FREIRE BLANCO, DESTACA O CRECEMENTO ECONÓMICO DE CARNOTA DESDE QUE GOBERNA O BNG

O candidato nacionalista comprométese a crear unha Fundación para o Desenvolvemento de Carnota na que participen todos os axentes sociais

Anxo Quintana acudiu esta tarde a Carnota ao acto de presentación de Tomás Freire Blanco, quen releva ao actual alcalde nacionalista da vila, Xosé Manuel García. O portavoz nacional do BNG louvou a xestión realizada polo goberno do BNG: “Carnota, dentro dunha comarca que ten problemas económicos como a Costa da Morte, convertiuse nestes últimos anos nun referente de creación de emprego e de crecemento”. “E iso é mérito de xente como Tomás Freire, que cre no seu concello e aposta por el”, dixo.

“O nacionalismo significa máis transparencia, máis diálogo, e máis democracia, como demostrou o BNG de Carnota até agora”, dixo Quintana. “Pero tamén significa un urbanismo pensado para os cidadáns e non para os especuladores. Exemplos dun urbanismo pensado para os especuladores hai moitos en concellos que están perto de aquí, pero o BNG nunca cairá niso”, concluíu.

O líder nacionalista afirmou que “Tomás vai ter todo o apoio do BNG e tamén do goberno galego”. Destacou que, para o executivo autonómico, os servizos sociais de calidade “para todos aqueles que os necesiten” son unha prioridade, e destacou a próxima inauguración dun centro de día nesta localidade.

Tomás Freire

O candidato do BNG pechou as intervencións dun acto que tivo lugar na casa do Concello, e no que falaron tamén Xosé Manuel García e a concelleira Mercedes Mayán. A súa gran aposta é crear unha fundación para o desenvolvemento social e económico de Carnota na que participen confrarías de pescadores, comunidades de montes, o sector empresarial e o propio Concello. Segundo explicou, a súa labor será “informar, asesorar e executar aqueles proxectos que lle delegue o pleno”.

Freire destacou os “fantásticos datos económicos” do concello, xa que se están a crear un 10% postos de traballo novos por ano. Así mesmo, Carnota está nun nivel de desemprego do 8%, o cal é un resultado histórico nun concello castigado pola emigración.

Precisamente, o alcaldábel do BNG apostou por aproveitar a conxuntura para seguir favorecendo a instalación de novas empresas e “facer que os mozos e mozas que están nas Canarias poidan volver á súa terra”. Destacou, nesa liña, o proxecto de parque empresarial en Monte Catelo; e todas as iniciativas innovadoras das confrarías de pescadores, como as de turismo pesqueiro; que se comprometeu a continuar apoiando.

Os nacionalistas tamén teñen previsto seguir mellorando os servizos sociais “con atención personalizada e a domicilio”, en palabras do candidato. Por último, apostou por un “desenvolvemento sostido, que poña en valor os nosos espazos naturais, como o monte Pindo e o areal de Carnota”.

Sem comentários: