quinta-feira, maio 31, 2007

A Executiva Nacional do BNG celebra que as e os nacionalistas cubrisen a práctica totalidade dos seus obxectivos nas municipais 07

Anxo Quintana: “O BNG é unha forza de goberno útil para Galiza e vai demostrar o seu valor para garantir nos concellos gobernabilidade e unha xestión ao servizo das maiorías sociais”

A Executiva Nacional do BNG reuniuse o luns 28 de Maio para avaliar os resultados obtidos pola frente nas eleccións municipais celebradas onte.

O órgao executivo do BNG celebrou que a formación nacionalista cubrise a práctica totalidade dos obxectivos cos que enfrentaba este proceso eleitoral: duplicar as alcaldías, incrementar sustancialmente o número de concelleiros e concelleiras, estender o cambio galego ás administracións locais e colocarse en disposición de acceder ao goberno das sete cidades.

“O BNG é unha forza de goberno útil para Galiza e vai demostrar o seu valor para garantir nos concellos estabilidade, gobernabilidade e unha xestión limpa e ao servizo das grandes maiorías sociais”, aseverou durante a reunión da Executiva Nacional o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana.

Capacidade de interlocución

“A diferenza do PP, o BNG ten unha probada capacidade de interlocución e vai pór esa capacidade ao servizo dos veciños e das veciñas. Nós somos capaces de chegar a acordos positivos para, sobre base programática, garantir a estabilidade e gobernabilidade dos concellos”, afirma Quintana.

"Os cidadáns dixeron non ás maiorías absolutas e si aos gobernos de coalición"

A respecto dos pactos posteleitorais, a Executiva Nacional considera que, en palabras do portavoz nacional, “os cidadáns dixeron claramente que non queren maiorías absolutas, senón que queren gobernos de coalición. O BNG, como non podía ser doutro xeito, vai atender ese requerimento da sociedade galega”.

“Se os cidadáns quixesen gobernos monocores que se autotitulan como gobernos de progreso terían votado por unha soa forza política. Non foi así. O que os cidadáns queren son gobernos plurais, de coalición entre nacionalistas e socialistas, gobernos que tendo dous referentes políticos distintos e claros actúen coordenadamente en función dun programa previamente acordado”, conclúe Quintana.

Sem comentários: