sexta-feira, maio 25, 2007

Os bispos e as eleccións



YUSUF FERNÁNDEZ

Os bispos hespañois apoiarán unha vez máis nestas eleccións as candidaturas da dereita. O grave, con todo, non é este feito en si, senón as crecentes evidencias que apuntan a que a xerarquía católica busca a restauración do nacional-catolicismo e está disposta a utilizar a súa influencia sobre os partidos da dereita para lograr este obxectivo, que inclúe a imposición da súa particular visión ética e moral ao conxunto da sociedade. Recentemente, o cardeal de Toledo, Antonio Cañizares, afirmou que “unha Hespaña unida sería unha Hespaña máis católica”. O mesmo sostén o arcebispo de Madrid, Rouco Varela: “Hespaña será católica ou deixará de existir como tal.” Estas declaracións reflicten unha involución que retrotrae a Igrexa Católica a épocas do pasado e afástaa dos valores do noso marco constitucional.

Outro feito que debería escandalizar aos católicos é a hipocrisía e escarnio que a xerarquía da Igrexa ou entidades vinculadas á mesma exercen, día tras día, con respecto aos valores e principios recollidos no Evanxeo. Como habería que cualificar a incesante campaña de calumnias que a COPE leva a cabo contra persoas que se opoñen ás súas formulacións radicais?

Moitos católicos non entenden por que os bispos piden o voto para un partido que apoiou unha guerra ilegal e xustificada en base a mentiras, como é a de Iraq, que se cobrou 700.000 vítimas inocentes. O ataque contra Iraq foi obxecto ata dunha condena do Papa Xoán Paulo II, que foi olimpicamente ignorada polo ministro de Defensa de Aznar, o membro do Opus Dei Federico Trillo. Cabería preguntarse ademais por que os bispos nunca se manifestaron nestes anos contra esta guerra brutal.

Doutra banda, como poden explicar os bispos o seu apoio ás teses da dereita radical, favorables á defensa dos intereses privados por encima dos públicos? Seica a privatización, total ou parcial, de servizos públicos que a dereita veu defendendo e aplicando non supón unha agresión contra os dereitos dos máis desfavorecidos, aos que Xesús dixo que viña servir?

En realidade, con tales pronunciamentos e coa súa actitude, responsable en gran medida do actual clima de crispación, a Igrexa está logrando por si soa aquilo do que estivo acusando sempre a outros: a súa continua perda de influencia dentro da sociedade.

http://www.elplural.com/opinion/detail.php?id=11747

Sem comentários: