quinta-feira, maio 24, 2007

QUINTANA PEDE UN VOTO MASIVO PARA A “PROPOSTA DE RENOVACIÓN, LIMPEZA E COMPROMISO QUE REPRESENTA SANTI DOMÍNGUEZ E O BNG DE VIGO”

Santiago Domínguez subliña que “o BNG é a garantía de que Vigo teña un goberno que traballe para a xente e que non utilice a cidade como un trofeo”

O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, pediu este serán en Vigo o “voto masivo” dos vigueses e viguesas para a “proposta de renovación, limpeza e compromiso que representan Santi Domínguez e o BNG de Vigo”.

Quintana realizou estas declaracións no mitin central do candidato do BNG á alcaldía de Vigo que se celebrou no Pavillón das Travesas.

“O BNG é o futuro de Galiza e de Vigo e o PP é un pasado que non pode volver”

O líder nacionalista asegurou que “o BNG é o futuro de realidades e compromisos, como o compromiso e a realidade para que os traballadores e traballadoras poidan ter acceso a unha vivenda digna; como a realidade e o compromiso para que a mocidade poida ter traballo na súa terra e na súa cidade”.

Quintana subliñou que “o estilo do BNG deixa nesta campaña unha imaxe de compromisos claros e cuantificábeis, de compromisos para construir o futuro”.

Pola contra, o líder do BNG, criticou que “o estililo do PP nesta campaña deixa imaxes para a Prehistoria: Cascos co Plan Galiza; Aznar buscando a Batasuna e Fraga propondo que se recupere unha lei eleitoral do século XIX”.

Fronte a isto, Quintana subliñou que “Santi Domínguez é o alcalde que necesita Vigo: o alcalde da humidade, do traballo e do compromiso coa cidade”.

“O BNG é a garantía de que Vigo teña un goberno que traballe para a xente e que non utilice a cidade como un trofeo”

Pola sua parte, o candidato do BNG presentouse hoxe como a garantía de que Vigo avance e non sexa utilizada “como un trofeo” polo PP e o PSOE. Santi Domínguez asegurou que o BNG xa gañou a campaña e “vai gañar as eleccións porque Vigo quere un cambio, para rematar cos tres anos de ‘cerocerismo” do PP: ideas 0, novos proxectos 0, respecto ao medio natural 0, políticas para a xente 0… Un goberno que no único que sacou un 10 foi en copiar os proxectos do BNG”, pero tamén porque a cidadanía quere un alcalde “que non se colgue medallas que son de toda a cidade como a do AVE”.

Asegurou que “xa saben que imos gañar, porque só así se explica que agora o Partido Popular dirixa os seus ataques cara a nós” e tamén porque o candidato socialista “xa di con absoluta claridade que apoiará a un alcalde do BNG”.

Harry Potter e a Fada Madriña

O nacionalista salientou que o BNG “non necesita primos de Zumosol” e que fixo unha campaña para a xente de Vigo, “sen fogos de artificio e sen maxia”. A este respecto comparou aos outros candidatos con Harry Potter e a Fada Madriña que “prometen e prometen sen límite, 13 centros de día, 40 escolas infantís, 7 piscinas, un funicular, todos os nenos e nenas un mes a Inglaterra, 1.000 euros para cada nen@, rebaixas de non sei cantos impostos…”.

Fronte a maxia e a crispacion do PP e o PSOE, Santi Domínguez presentou ao BNG como a forza que ten un proxecto de futuro para Vigo, realista e viábel. “Como xa fixemos cando gobernamos temos un modelo de cidade, un modelo baseado na planificación, para rematar coa improvisación coa que tan mal lle ten ido a Vigo, e un modelo baseado nas políticas para a xente”, sinalou.

Santi Domínguez fixo un chamamento aos mozos e as mozas, aos traballadores e as traballadoras, aos nosos maiores, ao tecido empresarial, aos veciños de veciñas dos barrios e as parroquias para “facer un Vigo con futuro, e con calidade de vida para tod@s”. O candidato do BNG asegurou que el e o seu equipo ofrecen a cambio “ilusión, proxecto, ambición, traballo, honradez, honestidade e, sobre todo, a garantía de estar dispostos a escoitar e a estar continuamente aprendendo da xente”.

http://www.youtube.com/watch?v=dxLoMr1kpNE

Sem comentários: