sábado, maio 26, 2007

TVG.- A Mesa lamenta a ‘falta de ética xornalística’ da dirección de informativos da TVG

A TVG non cubrirá a campaña da Mesa sobre o malgasto de diñeiro público no litixio do topónimo da Coruña “até que pasen as municipais”


A Mesa asegura que “nunca foi silenciada de xeito tan basto nos informativos da TVG como o é agora”

A Mesa pola Normalización Lingüística quere denunciar publicamente a situación de “silenciamento” das súas actividades nos informativos da TVG cando supoñen unha crítica ao Presidente da Xunta de Galiza, Emilio Pérez Touriño, ou a algún departamento vinculado ao partido que este dirixe. Esta organización, que conta con 3.200 socios e 21 anos de actividade ininterrompida, asegura que “nunca foi silenciada de xeito tan descarado nos informativos da TVG como o está a ser durante o último ano”, mais asegura que quere denunciar esta situación “non só polos danos que causa á nosa asociación que se oculte a nosa actividade e as nosas propostas, senón sobre todo polo grave perigo que tal actitude supón para a pluralidade informativa, alén de para a imaxe dos medios públicos galegos e dos seus traballadores e traballadoras”.

A Mesa recorda que é unha “organización apartidaria, que conta con socios e socias de diferentes ideoloxías e carnés”, e que “a pesar de que haxa grupos de poder aos que lles poida incomodar a nosa voz, seguiremos a defender o cumprimento da lexislación lingüística e o dereito a vivir en galego con normalidade”. “Un medio público de comunicación non debería esquecer nunca cal é o seu obxectivo principal, o da información veraz e plural”, indican.

A organización en defensa do galego sinala que “a pinga que colmou o vaso da nosa paciencia” foi o tratamento por parte da TVG da conferencia de imprensa ofrecida por esta organización o pasado sábado, para presentar unha campaña de denuncia contra o malgasto de diñeiro público no litixio do topónimo por parte da Alcaldía da Coruña. Esta campaña tivo amplo eco noutros medios públicos e privados, mais desde a TV galega indicouse que non poderían dar cobertura a esa información ningún día a ningunha hora até despois de pasadas as eleccións municipais.

Para a organización en defensa da lingua, “trátase dunha evidente utilización dos medios humanos e económicos de que dispón a TVG para beneficiar a un partido político e furtar á cidadanía unha información que podería condicionar o sentido do seu voto, xa que nesta campaña A Mesa recorda que o actual alcalde, e candidato do PSOE, na cidade da Coruña está a gastar 6.000 euros do erario público cada mes para tentar impor o uso oficial de La Coruña”.

“Outros exemplos deste silenciamento informativo nos últimos tempos son os 12 actos organizados pola Mesa en diferentes comarcas con motivo da Semana das Letras, aos que a TVG non achegou ningunha cámara. Igualmente, dirixentes da Mesa mantiveron entrevistas cos candidatos das cidades galegas, mais as cámaras da TV pública só foron enviadas a cubrir e difundir, curiosamente, un deles: o realizado co candidato do PSOE en Santiago”, denuncian.

Outro dos casos máis rechamantes foi o da mobilización estudantil do pasado 8 de novembro, nese caso dirixida a presionar á Consellaría de Educación. Segundo estimacións da propia Administración galega, secundaron a folga da Mesa 66.031 estudantes. As informacións desa mobilización saíron en todos os medios públicos e privados de Galiza excepto na TVG.

Non é a primeira vez que desde A Mesa se denuncia a “terxiversación ou silenciamento” desde os informativos da TVG nos últimos tempos. Esta organización cidadá viuse obrigada tamén o ano pasado a lamentar que a televisión pública galega “distorsionase a mensaxe e a incidencia real da que foi a segunda maior manifestación en defensa do galego durante a democracia”, en referencia á convocatoria que esta organización celebrou o día 17 de maio de 2006.

Sem comentários: