sexta-feira, junho 15, 2007

AMNISTÍA INTERNACIONAL DEFENDE O ACCESO AO ABORTO PARA AS MULLERES EN PERIGO.


Amnistía Internacional reafirmou hoxe, 14 de xuño, o seu máis firme apoio ao dereito das mulleres e nenas a exercer os seus dereitos sexuais e reproductivos sen sufrir ameazas, forza ou coacción.

En resposta a unha declaración do Vaticano, Amnistía Internacional rebateu a afirmación do cardeal Renato Martino, presidente do Pontificio Consello para a Xustiza e a Paz, respecto de que o Vaticano ía retirar a súa axuda económica á organización. "Non aceptamos fondos do Vaticano e non aceptamos fondos de ningún outro Estado para levar a cabo o noso labor contra as violacións de dereitos humanos", manifestou Kate Gilmore, secretaria xeral adxunta executiva de Amnistía Internacional.

"Millóns de persoas do mundo enteiro, dos máis diversos credos e crenzas, realizan doazóns individuais a Amnistía Internacional. Entre esas doazóns hai axudas moi benvidas de membros da fe católica. Confiamos en que o traballo de Amnistía Internacional contra a tortura e a pena de morte e en favor dunha correcta administración da xustiza, tamén para as mulleres e as nenas, siga atraendo o respaldo activo de persoas con crenzas de todo o mundo", declarou Kate Gilmore.

En defensa do dereito das mulleres á integridade sexual e reproductiva fronte a graves violacións de dereitos humanos, Amnistía Internacional incorporou recentemente á súa política xeral sobre os dereitos sexuais e reproductivos unha visión de aspectos específicos do aborto. Esta incorporación non promove o aborto como dereito universal, e Amnistía internacional segue sen pronunciarse respecto de se o aborto é xusto ou inxusto.

"A postura de Amnistía Internacional non é a favor do aborto como dereito, senón a favor do dereito das mulleres “un dos seus dereitos humanos” a non sufrir temor, ameaza ou coacción ao facer fronte ás consecuencias da violación e outros graves abusos contra os dereitos humanos", aclarou Kate Gilmore.

Onte, 13 de xuño, o cardeal Martino, nunha entrevista, instou aos católicos a retirar o seu apoio a Amnistía Internacional, alegando que a organización "promove o dereito ao aborto". Con todo, a actual política de Amnistía Internacional, que se mantén xunto á longa oposición da organización ao aborto forzado, é apoiar a despenalización do aborto para garantir que as mulleres teñen acceso a asistencia médica cando sufran complicacións derivadas do aborto, e defender o acceso das mulleres ao aborto, dentro dos límites razoables do tempo de xestación, cando a súa saúde ou os seus dereitos humanos corran perigo.

"Amnistía Internacional defende ás víctimas e sobreviventes de violacións de dereitos humanos. A nosa política é reflexo da nosa obrigación de mostrar solidariedade, como movemento de dereitos humanos, cara a, por exemplo, a sobrevivente de violación de Darfur que, ao quedar embarazada a consecuencia dunha violación dun combatente inimigo, vese sometida ao ostracismo pola súa comunidade", manifestou Kate Gilmore.

"Somos un movemento que protexe ás persoas, independentemente das crenzas que profesen, pero non impomos crenzas de ningún tipo. O noso é un movemento que defende os dereitos humanos, non uns credos específicos. O noso propósito invoca a lei e o Estado, non a Deus. Isto significa que, nunhas ocasións, o marco laico de dereitos humanos que Amnistía Internacional defende coincide cos puntos de vista de certas comunidades baseadas nunha fe determinada, e noutras ocasións non."

Amnistía Internacional insta á Igrexa católica a non dar as costas ao sufrimento que padecen numerosas mulleres por mor da violencia sexual, e pide aos seus dirixentes que propugnen a tolerancia e o respecto á liberdade de expresión para todas as persoas e entidades que defenden os dereitos humanos, incluída Amnistía Internacional, do mesmo xeito que Amnistía Internacional seguirá defendendo a liberdade de relixión.

http://web.amnesty.org/library/Index/ESLPOL300122007

Sem comentários: