terça-feira, junho 05, 2007

O BNG CHAMA Á UNIDADE DE TODOS OS DEMÓCRATAS SEN EXCLUSIÓN CONTRA O TERRORISMO

Ante o anuncio de ruptura do alto o fogo permanente feito hoxe público por ETA o BNG quer facer un chamamento á unidade de todas as forzas democráticas contra o terrorismo.

Neste momento faise máis necesario que nunca impulsar un grande acordo que inclúa a todas as forzas políticas do arco parlmentar do Estado de que persuada a ETA de que, en nengún, caso vai obter réditos políticos pola vía da violencia.

Para que ese acordo sexa eficaz e non fracase como anteriores pactos, non pode cimentarse sobre a base do bipartidismo e pola contra, debe reflectir o pluralismo político, social e nacional existente no Estado. O BNG agarda que nengunha forza política volva a caer na irresponsábel tentación de utilizar o drama terrorista para obter avantaxes políticas, para criminalizar ideoloxías perfeitamente lexítimas ou para hostigar a Gobernos democráticos.

QUINTANA PIDE QUE ZAPATERO CONVOQUE A TODAS AS FORZAS POLÍTICAS PARLAMENTARIAS PARA BUSCAR UN ACORDO UNITARIO CONTRA ETA

Agarda que ninguén teña “a intención de sacar rédito partidario e partidista dunha situación tan lamentábel coma esta”

Anxo Quintana solicitou, en nome do BNG, que o presidente do goberno estatal, Jose Luís Rodríguez Zapatero, “convoque a todas as forzas políticas do arco parlamentar, fundamentalmente para fraguar un acordo de unidade de todos os demócratas” ante a ruptura do alto ao fogo de ETA.

O máximo dirixente do BNG afirmou que “este é un momento para a unidade”, e que este pacto de todas as forzas políticas con representación no Congreso debe servir, en primeiro lugar “para que ETA saiba que non vai conseguir nada pola vía da violencia” e en segundo lugar, “para que ninguén teña a intención de sacar rédito partidario e partidista dunha situación tan lamentábel coma esta”.

Rexeitar a violencia

Quintana afirmou que “resulta inaudito que en pleno século XXI haxa xente que pretenda impor as súas propostas pola vía da violencia, unha vía que non leva a ningunha parte e que toda a sociedade, do Estado e especialmente a galega, rexeita con toda contundencia”.

Acusou, así mesmo, á organización terrorista ETA de pretender “marcar a axenda política e suplantar o diálogo polas armas”.

Sem comentários: