quinta-feira, julho 05, 2007

O PLENO DO CONGRESO APROBA UNHA PROPOSTA DE RESOLUCIÓN DO BNG PARA QUE O GOBERNO ACELERE OS PRAZOS DAS INFRAESTRUTURAS PENDENTES EN GALIZA

Tamén aprobou, coa oposición do PP, outra proposta do BNG para que o Goberno modifique a LOREG co obxectivo de que nas próximas eleccións xerais os emigrantes voten con todas as garantías democráticas

O Pleno do Congreso dos Deputados aprobou este mediodía dúas Propostas de Resolución do BNG polas que se insta ao Goberno Central a acelerar os prazos das infraestructuras pendentes en Galiza e a reformar a LOREG para que para as próximas eleccións xerais os emigrantes voten con todas as garantías democráticas.

A proposta de resolución en materia de infraestruturas de Galiza foi aprobada ao lograr o apoio dos outros grupos parlamentares, non así do PSOE, que votou en contra.

Inicio no 2008 das obras do tramo Ourense-Lubián, da saída sur de Vigo e do itinerario Ferrol-Uxes

A resolución aprobada hoxe, dentro do Debate do Estado 2007, insta ao Goberno a, en relación coas infraestructuras ferroviarias, “acelerar e comprometer as partidas orzamentarias necesarias nos Presupostos do Estado para 2008 para que poidan empezar as obras do itinerario Ferrol-Uxes (itinerario Ferrol-A Coruña-Santiago); da saída sur de Vigo e do tramo Ourense-Lubián durante ese ano”.

Ademais, e tamén en relación aos servizos ferroviarios, a proposta de resolución do BNG aprobada hoxe insta ao Goberno a “comprometerse a que, como moi tarde a principios do ano 2008, estableceranse servizos de cercanías nas áreas metropolitanas de A Coruña-Ferrol; Vigo-Pontevedra e Santiago-Vilagarcía, así como a mellorar sensibelmente, de acordo coa Xunta de Galiza, os servizos `rexionais´ dos itinerarios Ourense-Vigo, Ourense-Santiago, Ourense-Monforte-Lugo-A Coruña/Ferrol e a comunicar co resto de Galicia a comarca de O Barco de Valdeorras”.

Estacións depuradoras

Por outra parte, a resolución aprobada insta ao Goberno a comprometerse para que as estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) de Ferrol e A Coruña “comezarán a funcionar no ano 2009, e que se dotarán as partidas necesarias nos Orzamentos do 2008 para que as obras das EDAR de Santiago e Vigo poidan empezar nese ano”.

Tamén se insta a que o Goberno Central se comprometa a dotar as partías necesarias nos Presupostos do próximo ano para o desenvolvemento do abastecemento de augas a Pontevedra e á súa ría, unha obra contemplada no Plano Hidrolóxico Nacional.

Por último, e en relación cos portos exteriores de A Coruña e de Ferrol, ínstase ao Goberno a “colaborar financeiramente nos proxectos e obras de acceso ferroviario, por ser unhas infraestruturas necesarias para desenvolver as súas potencialidades e lograr unha comunicación intermodal”.

Garantías para o voto emigrante

Por outra parte, o Pleno do Congreso tamén aprobou este mediodía outra proposta de Resolución do BNG, cos únicos votos en contra do PP, para que o Goberno inicie nas Cortes, no prazo máximo de catro meses, o debate do Proxecto de Lei de Modificación da Lei Orgánica do Réxime Eleitoral Xeral (LOREG).

En concreto, a resolución do BNG aprobada hoxe insta ao Goberno a “facilitar e promover á maior brevidade posíbel os consensos necesarios que permitan aprobar unha modificación da LOREG antes das próximas eleccións xerais par:

  • Concretar un mecanismo de votación axeitado que garanta, mediante o voto en urna ou calquera outro medio técnico, o voto secreto e a identidade dos votantes españois incluídos no Centro de Españois Residentes Ausentes (CERA).
  • Que na designación do número de representantes se teña en conta, de maneira proporcional, a importancia numérica do censo de eleitores no exterior.
  • Regulación específica das campañas eleitorais no exterior.
  • Adecuada fiscalización do gasto realizado polos partidos, federacións, coalicións e agrupacións de eleitores no exterior”.

Apoio do BNG para que no financiamento da Lei de Dependencia se teña en conta a diferencia de custos de prestación

Por outra parte, o BNG tamén deu o seu apoio a unha Proposta de Resolución de todos os grupos parlamentarios pola que se insta ao Goberno a impulsar un maior compromiso económico nos Orzamentos do Estado do 2008 para a aplicación da Lei de Dependencia e a estudar no seo do Consello Territorial outros indicadores adicionais, “entre eles, a diferencia de custos na prestación de servizos” para o reparto dos fondos de financiamento acordado entre a Administración Central e as Comunidades Autónomas.

Por último, foi rexeitada unha terceira proposta de resolución do BNG na que se instaba ao goberno a un maior compromiso da Administración Xeral co idioma galego e ao cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais.

Sem comentários: