sábado, julho 07, 2007

SERÍA MÁIS GRAVE UNHA FOLGA DE AVOAS QUE DE CONDUCTORES DE AUTOBÚS

Rosa Peris, directora do Instituto da Muller.

Amecopres / Teresa G. Espejo.

As avoas hespañolas asumen as consecuencias da incorporación das mulleres ao mercado de traballo, pois ao seu cargo está o coidado da descendencia de moitas traballadoras que, sen o apoio das súas nais, non poderían conciliar vida familiar e laboral.

O estudo “As avoas como recurso de conciliación entre a vida familiar e laboral. Presente e futuro”, presentado pola directora xeral do Instituto da Muller, Rosa Mª Peris, analiza o labor de coidado que desempeñan, identificando as súas características e as circunstancias nas que se produce. Rosa Peris sinalou que “é unha tarefa non exenta de estereotipos de xénero, porque coidar non se considera un traballo e é unha responsabilidade que recae, sobre todo, nas avoas maternas”, que segue asociándose aos labores de reprodución das mulleres.

O interese das avoas non é material, senón que o fan porque lles produce unha “satisfacción persoal”, xa que case ningunha recibe remuneración, a pesar da enerxía que se require porque ao coidado da infancia, súmase tamén o desempeño dalgunhas tarefas domésticas. Por este motivo, “sería máis grave unha folga de avoas que de condutores de autobús”, resaltou Rosa Peris.

Lourdes Pérez Ortiz, directora do estudo realizado pola Universidade Autónoma de Madrid, subliñou que o perfil medio é o dunha muller casada, cunha media de idade de 61 anos, con estudos secundarios, xubilada e con bo estado de saúde.

A investigadora explicou que conflúen unha xeración de avoas e unha xeración de nais que se incorporaron ao traballo. É un coidado intensivo e acusan o cansazo da actividade, aínda que en xeral, non senten que restrinxa a súa liberdade persoal.

Colaboración dos avós.

Máis do 60% das avoas casadas conta coa cooperación do seu cónxuxe, aínda que os avós asumen roles de carácter instrumental, é dicir, dan consellos, encárganse de cuestións económicas. “Adoitan ser máis indulgentes e dedícanse máis a asuntos relacionados co público”, explicou Lourdes Pérez, mentres que as mulleres desempeñan roles asociados ao persoal e o emocional.

Respecto da educación, seguen “a regra de ouro de non interferir e non malcriar”, e procuran non inmiscirse nos valores que transmiten os pais e as nais. O modelo familiar cambiou respecto das xeracións anteriores de avoas, e agora “hai un estilo de relación diferente, onde o respecto non está suposto, hai que gañarllo”, agregou. Segundo Lourdes Pérez, existe unha “solidariedade feminina”, unha complicidade entre as nais e fillas que reforza os afectos e “que hai que facer extensiva aos homes”.

Para rematar, declarou que “unha muller está obrigada a ser boa nai, e logo, boa avoa”, aínda que ao seu xuízo, coidar a netos e netas é un bo antídoto contra a soidade. O estudo foi realizado sobre unha mostra de seiscentas mulleres que coidan a menores de doce anos, de forma habitual, das provincias de Madrid, Barcelona, Sevilla, Valencia, Valladolid e Biscaia.
------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Fotos: AmecoPress. Pé de Foto: Lourdes Pérez, directora do estudo (esquerda) e Rosa Peris
------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

http://www.amecopress.net/spip.php?article144

Sem comentários: