quinta-feira, julho 05, 2007

UTOPIA

O diario The Independent, publica varios poemas feitos clandestinamente polos presos de Guantánamo, como anticipo dunha antoloxía de próxima aparición. Agora que os propios Estados Unidos se cuestionan a necesidade de acabar con ese monumento á ignominia, sirva este poema de Sami al Hajj, como reflexión e homenaxe.


Humillado nas cadeas.
Por Sami al Hajj [1]

Cando escoito o arrolar das pombas

as bágoas mornas cóbrenme a cara.

Cando canta a laverca, os meus pensamentos tecen

unha mensaxe para o meu fillo.

Mohammad, estou aflixido.

No meu desespero, só Deus me conforta.

Os opresores xogan comigo

mentres se moven libremente por todo o mundo.

Pídenme que me faga espía dos meus,

dinme que sería unha boa acción

e ofrécenme diñeiro e terra.

E tamén liberdade para ir onde me pete.

Son propostas tentadoras que me cativan,

coma os lóstregos no ceo.

Pero o seu agasallo é unha serpe baleira,

que leva o veleno da hipocrisía na súa boca.

Disque teñen monumentos á liberdade

e tamén liberdade de opinión,

que está ben, que é bo.

Pero eu dígolles que a arquitectura non é igual ca xustiza.

América!, que cabalga no lombo de orfos

e os aterrorizas cada día.

Bush, ten conta,

o mundo recoñece a un mentireiro arrogante.

A Deus dirixo a miña queixa e as miñas bágoas.

Morro de soidades, estou asoballado.

Mohammad, non me esquezas.

Apoia a causa do teu pai, home temeroso de Deus.

Fun humillado, como podo compoñer versos?

Como podo escribir despois da cadea, e as noites, e os sufrimentos?

Como podo facer poemas?

A miña alma é un mar revolto, remexido pola angustia,

violenta con paixón.

Eu son o cativo, pero os crimes son dos meus captores.

Señor, devólveme co meu fillo.

Señor, dá prosperidade ao xusto.


[1] Sammi al Hajj, cámara sudanés que traballaba para a cadea Al-Jazeera, estaba a visitar ao seu irmán en Damasco despois dos ataques do 11 de setembro, cando recibiu unha chamada pedíndolle ir a Paquistán para cubrir a inminente guerra de Afganistán. Sen embargo acabou en Guantánamo, onde alega que foi severa e repetidamente golpeado, quedando a cicatriz na súa cara.

Revista IRIMIA Nº746.

Sem comentários: