segunda-feira, dezembro 31, 2007

FELIZ 2008

Frei Betto / Adital

Por que a festa de fin de ano provoca tanta tolemia? Que hai de especial no cambio de ano? Nada, excepto a convención numérica, unha invención indoarábiga que nos permite codificar o tempo en horas, minutos e segundos e establecer, segundo o movemento do noso planeta en torno ao sol e ás fases da lúa, calendarios que distribúen o tempo en anos de doce meses, meses con case 30 días e días con 24 horas exactas.

O que pasa é que non somos trilobites senón humanos, dotados da capacidade de imprimir ao tempo carácter histórico e sentido á historia. A festa de fin de ano é, pois, un rito de paso. Resoa no noso inconsciente o alivio por terminar un ano de tantos reveses, perdas, sufrimentos, e celebrar conquistas, avances e vitorias. Hai que tirar foguetes, encher copas, expresar bos propósitos ás divindades que poboan as nosas crenzas, vestirse de branco como sinal da nosa primeira comuñón co novo ano que comeza.

Vivimos apremados polo misterio. Como as partículas subatómicas, somos rexidos polo principio da indeterminación. Esa imposibilidade de prever o futuro suscita angustia, o que nos leva a tratar de descifralo por vía da lectura dos astros e das cartas, da sabedoría de videntes, das cunchas dos santeiros e santeiras, da rogación aos nosos santos protectores.

Esta é unha paradoxal característica do postmodernismo: en plena era da urxencia da física cuántica e da caída do determinismo histórico como ideoloxía, cremos que o noso futuro está escrito nas estrelas. De aí a inercia, a indignación inmovilizadora, a impotencia fronte aos escándalos éticos e ao descaro con que os corruptos son absoltos polos seus pares, esa insensibilidade que para nada recorda o que se debese conmemorar neste ano: os 40 anos de Maio de 1968.

Nos países industrializados Maio do 68 é o paradigma da rebeldía, o berro estancado no aire sonorizado ao fin nas manifestacións estudantís, os Estados Unidos derrotados polos vietnamitas, os Beatles reinventando a canción, a moda subvertendo parámetros, as mulleres á conquista do dereito a apaixonarse por primeira vez innumerables veces, a castración do machismo, o resurximento esotérico.

Na parte sur do planeta os anos de chumbo, os xenerais metendo nas fundas das súas pistolas as chaves dos parlamentos, a utopía colgada no pau de arase, os camiños do exilio multiplicándose, os mortos e desaparecidos enterrados nos arquivos secretos das Forzas Armadas. Aínda así, había soño, e non era motivado pola inxestión química, brotaba do fame de liberdade e de xustiza, fomentaba o desexo irrefreable de adxectivar de novo a creatividade incensurable: o cinema, a bossa, a literatura, o tropicalismo.

No pasado, o futuro era mellor. Hoxe, inmersos nesta sociedade da hiperestetización da banalidade, en que as imaxes contraen o tempo e a web virtualiza o diálogo na soidade dixital, andamos en busca dunha razón para vivir. Perdemos o sentido histórico, cambiamos os vínculos de solidariedade pola conectividade electrónica, vendemos a liberdade por un prato de lentellas en forma de seguridade.

No 2008 seremos chamados ás urnas municipais. Teremos que discernir entre os idealistas e os arribistas, os servidores públicos e os que se afogan no ego destilado na embriaguez dos aplausos, os movidos pola intransixencia dos principios éticos e os que miran os recursos do Estado como carne fresca para a súa gula insaciable.

Ano de conmemorar o 60º aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que, para vergoña de nós, os católicos, ata o día de hoxe non foi asinada polo Estado Vaticano.

Neste mundo de atrocidades non hai outro modo de cel
ebrala máis que esixindo a súa aplicación e perfeccionamento: que remate a ocupación de Iraq, a independencia de Porto Rico, o fin do bloqueo a Cuba, a redución da emisión de gas carbónico, a paralización do desmantelamento da Amazonia, a salvación de África. E que se lle engadan á Declaración os dereitos internacionais, planetarios, ambientais.

En Brasil é hora de que a Declaración sexa transvasada do papel á realidade social. En que, a pesar da actuación valente da Secretaría Especial de Dereitos Humanos da Presidencia da República, imposible celebrar conquistas en dereitos humanos mentres a policía estigmatiza como suposto traficante ao morador da favela; o Poder Xudicial promove a orxía compulsiva ao meter mulleres en celas repletas de homes; os indíxenas e negros son condenados á miseria pola incuria das autoridades; a debilidade da lei cobre de inmunidade aos corruptos e de impunidade a bandidos e asasinos.

Non basta o propósito sincero de facer algo novo nas nosas vidas o ano 2008. É necesario máis: facer novas as realidades que nos rodean, de modo que se dean cambios afectivos e a paz floreza como froito da xustiza.

Feliz 2008!

http://www.adital.com.br/site/noticia.asp?lang=É


Sem comentários: