terça-feira, janeiro 22, 2008

Novas do MpDC


O MpDC presenta un contencioso contra a Delegación por negarse a aclarar se existen gravacións ilegais de detidos

A institución nin aclara nin desminte esta práctica, pero ampárase na suposta protección dos datos dos detidos para obviar as súas responsabilidades

A cuestión relacionadas coa gravación ilegal dos detidos durante a súa estancia nas dependencias policiais será abordada nos tribunais. A asociación que defende os dereitos cidadáns na Galiza presentou unha denuncia no xulgado do contencioso contra a Delegación do Goberno por non informar sobre a toma de imaxes de xeito irregular dos detidos. O Movemento polos Dereitos Civís dirixiuse á Delegación o pasado mes de agosto co obxectivo de averiguar se as Forzas e Corpos de Seguridade que actúan no territorio galego gravan as detencións, petición que a institución dirixida por Manuel Ameijeiras se negou a aclarar. A Delegación argumentou que esta información ten un carácter secreto, polo que non se pode constatar unha actuación que, de producirse, constituiría un feito delictivo ao vulnerar a Lei de Videovixiancia e a de Protección de Datos. Non obstante, o organismo asegurou sen problemas ao MpDC que a información obtida mediante as gravacións “no suposto de habelas, ten un carácter reservado e a súa difusión está legalmente prohibida”.

A alarma pola existencia de imaxes obtidas de forma ilegal, xa que non contan con autorización, saltou hai uns meses tralas declaracións do membro dun sindicato de policías que aseguraba que é unha práctica habitual que se usen métodos propios, como os teléfonos e cámaras, para se defender no suposto de denuncias de malos tratos. A este respecto, a Delegación, en troques de investigar a existencia deste feito, ampárase na suposta protección dos datos dos arrestados para negarse a informar sobre esta práctica, que se viría a sumar aos métodos ilegais aos que habitualmente recurre.
O MpDC rexeita firmemente a decisión do Tribunal Supremo de manter o indulto aos catro policías de Vigo que secuestraron e agrediron a un cidadán senegalés

A actitude dos magistrados demostra unha actuación parcial da Xustiza, xa que obvia todos os dereitos de Mamadou Kane que foron violados polos axentes

O Tribunal Supremo vén de demostrar un novo caso de administración parcial da xustiza coa súa decisión de manter o indulto aos catro policías locais de Vigo que secuestraron ilegalmente e logo agrediron ao senegalés Mamadou Kane. Ao entender do maxistrado Agustín Puente a actuación fóra da lei de catro paxentes locais non entra en contradicción co chamado Estado de Dereito, a pesar de que o mesmo Tribunal ratificara a condena de cárcere aos axentes Celso Alonso Blanco, Elena Fernández Bouzas e Sebastián Fernández Estévez e Xoán Manuel Pérez Rodríguez, así como a expulsión do Corpo policial por considerar probados os feitos ocurridos en 1997, nos que os dereitos fundamentais de Mamadou foron brutalmente violados pola decisión arbitraria duns supostos defensores da seguridade e os dereitos dos cidadáns. A sentenza do alto tribunal confirma o indulto concedido en 2005 polo Consello de Ministros, órgano que tampouco atopou ningunha anormalidade no comportamento destes catro policiais que decidiron pola súa conta reter e mallar nun individuo sen máis motivación que a cor da súa pel.

Unha vez coñecido o indulto, a defensa do Kane presentou recurso de casación que se fundamentaba na falta de motivación dos indultos, a ausencia de audiencia do denunciante, varios defectos no informe do tribunal sentenciador e a imposibilidade de conceder esta medida de graza a penas de inhabilitación total. Aínda así, o Consello de Ministros e agora o alto tribunal decidiron “compensar” as accións brutais dos policiais concedéndolle a absolución das condenas. Por este motivo, o Movemento polos Dereitos Civís expresa a súa máis enérxica condena contra esta decisión e anima aos responsábeis de impartir a xustiza no Estado español que antepoñan o seu deber de defender o marco legal e garantir o cumprimento dos dereitos dos cidadáns á defensa corporativista dos órganos da administración pública.

A decisión resulta aínda máis ferinte se se ten en conta que mentres os axentes municipais de Vigo quedaron en liberdade e foron restituídos nos seus postos de traballo, os tres veciños do Eixo permanecen no cárcere, sen que polo momento se perciba unha intención destinada a concesión da absolución, xa que non “pediron desculpas” polas supostas agresión a un policía durante unha manifestación. Non entanto, os axentes vigueses, que probadamente se extralimitaron nas súas funcións, non se viron na obriga de mostrar arrepentimento polas súas accións nin de cumprir coas penas que a legalidade que din defender lles impón. Por isto, o MpDC insta a toda a sociedade galega a manifestar a súa repulsa contra o indulto a estes catro funcionarios, cuxo comportamento se asemella máis ao duns gángster que ao duns traballadores ao servizo dos cidadáns.
O MpDC presenta unha denuncia contra a Delegación do Goberno pola súa actuación na entrada do gaseiro de Reganosa

A entidade dirixida por Manuel Ameijeiras negouse a explicar os motivos manexados para considerar de “especial perigosidade” a chegada do buque á ría de Ferrol

A asociación que defende os dereitos civís na Galiza presentou unha denuncia no xulgado do contencioso contra a Delegación do Goberno por negarse a explicar os motivos que levaron a este organismo a considerar de “especial perigosidade” a entrada do gaseiro na planta que a empresa Reganosa posúe na ría de Ferrol. O Movemento polos Dereitos Civís preguntara á institución dirixida por Manuel Ameijeiras as razóns manexadas para despregar un dispositivo de especial de seguridade por terra, mar e aire impedindo o lexítimo dereito dos mariscadores ao seu traballo, que a maiores, non foron avisados desta decisión con antelación, así como os motivos polos que ordenou unha carga contra as persoas que se concentraban pacificamente para protestar pola descarga do buque.

Hai que lembrar que o pasado 9 de maio se desenvolveu un amplo operativo na ría ferrolana, impedindo saír a faenar aos traballadores do mar. Uns días despois, o 29 de maio, era de novo a Delegación de Goberno a que provocaba unha batalla campal en Ferrol, para permitir o paso dun novo gaseiro, do cal tampouco se preavisou aos mariscadores. Desta vez, ademais, a Policía Nacional cargaba de forma brutal e indiscriminada contra os cidadáns concentrados pacificamente no porto e mesmo o patrón maior da Confraría de pescadores foi arrestado. Ante estas actuación desmesuradas nas que se violaron os dereitos das persoas e se antepuxeron os intereses dunha empresa privada aos dos cidadáns, o MpDC reclamou á Delegación que aclarase as razóns que pode alegar unha institución pública para ordenar unha carga contra uns veciños que, de xeito pacífico, protestan ante unha inseguridade manifesta como é a descarga dun gaseiro nunha factoría que carece de plan de emerxencias e pola privación do seu lexítimo dereito a traballar.

Como resposta, a Delegación do Goberno remitiu ao Movemento polos Dereitos Civís un escrito onde declaraba “de carácter reservado” os informes sobre a actuación policial efectuada durante eses días. Ademais, esta institución non tivo problemas en afirmar que facilitar o informe no que consideraba que as manifestacións poderían provocar unha traxedia ou mesmo informar de por que se agrediu a un xornalista da Radio Galega é de “difusión prohibida”. Este silencio por parte desta institución do Estado da conta unha vez máis de como queren esconder unha neglixencia clara das Forzas de Seguridade e unha política baseada utilización indiscriminada da acción policial para disolver as mobilizacións da sociedade galega.
A Delegación do Goberno insiste ante o Defensor del Pueblo que o listado de concellos con cámara é secreto

A relación de entidades municipais galegas con dispositivos de videovixiancia xa foi feita pública polo Senado

A Delegación do Goberno volve dar mostrar dunha total falta de transparencia ao negarse a ofrecer o listado de concellos galegos que teñen licenza ou están a tramitar a autorización para instalar cámaras de videovixiancia. O representante do goberno na Galiza insistiu diante do Defensor del Pueblo que a información solicitada polo Movemento polos Dereitos Civís a este respecto é secreta e, polo tanto, non pode ser trasladada á dita asociación. Non obstante, a Delegación do Goberno esquece que o Goberno do Estado xa fixo público ese listado nunha resposta a unha pregunta formulada por un Senado na que se aseguraba que tan só dous concellos galegos (Santiago e A Coruña) dispoñen de autorización para ter instalados dispositivos de videovixiancia. Do mesmo xeito, tamén se explicaba que tan só existen dúas solicitudes de permisos, ambas as dúas para a cidade da Coruña.

Por iso resulta sorprendente, unha vez máis, a actitude mantida pola Delegación do Goberno, cando órganos de maior entidade non teñen problemas nin atrancos para facer públicos eses datos, que ademais foron trasladados á sociedade mediante un comunicado de prensa. A actitude da institución representada por Ameijeiras semella pretender cubrir as decisións irregulares que a cotío adoita tomar, posto que recoñeceu que as cámaras instaladas en varios puntos da Coruña recibiron os permisos para entrar en funcionamento logo de botar meses operativas sen licenza. Non obstante, esta cuestión non lle pareceu digna de someterse á legalidade, xa que a administración municipal responsábel dos dispositivos non foi obxecto de sanción, tal e como sinala a Lei de Videovixiancia. Punto este no que coincide co goberno de Madrid, para o que tampouco consta a existencia de ningún expediente sancionador por incumprimento da normativa vixente nesta materia. Actitudes sintomáticas dunha administración permisiva que acepta sen remorsos a vulneración dos dereitos fundamentais dos individuos, nunha cuestión que cada día afecta a máis cidadáns pola extensión da súa práctica.

Pola súa banda, no tocante á negativa de achegar unha listaxe ao MpDC coa relación dos concellos con videovixiancia, o Defensor remítese á documentación presentada pola Delegación e ao escrito da Avogacía do Estado para pechar a investigación. En dita documentacón tamén se asegura que o Concello de Ares está tramitando os permisos pertinentes para a concesión da autorización. O que non aclara a investigación desta institución é se o municipio coruñés ten operativos estes dispositivos, que foron instalados no exterior da Casa Consistorial antes de obter todos os permisos da Comisión de Garantías de Videovixilancia, como así o demostra o escrito remitido polo propio concello ao Valedor do Pobo indicando que iniciara os trámites, pero que a Delegación do Goberno lle solicitara determinada información traducida que aínda non fora enviada. Non obstante, a entidade local non dubidou en vulnerar os dereitos dos cidadáns e saltarse a legalidade para colocar as cámaras antes de obter a autorización pertinente, así como tamén negou sistematicamente a información solicitada pola asociación que defende os dereitos civís sobre a utilización dos dispositivos de control cidadá.

Sem comentários: