quinta-feira, janeiro 24, 2008

O MpDC rexeita a proposta do PP de Ogrobe de crear un rexitro municipal de blogueiros

A medida atenta contra a liberdade de expresión e carece de base legal, xa que un concello non pode regular as cuestións relativas aos dereitos dos cidadáns.

A liberdade de expresión na rede continúa a ser unha cuestión de fácil ataque para que os políticos lancen campañas populistas contra dela. A última incursión neste campo foi protagonizada estes días polo PP de Ogrobe, que anunciou que proporá á Corporación municipal deste Concello a creación dun rexistro obrigatorio de blogueiros. A finalidade da medida, será, ao parecer, seguir un control dos donos das bitácoras para poder responsabilizalos das opinións vertidas nelas. A asociación que promove a defensa dos dereitos civís na Galiza quere manifestarse en contra desta medida, xa que atenta contra a liberdade de expresión, un dereito recollido na Constitución Española, e contra a pluralidade de opinións, unha carácterística propia da rede.

Se a iniciativa popular sae adiante os editores de blogs pasarían a formar parte dun rexistro no que deberían presentar o seu DNI para estaren identificados. A intención do PP é ter localizadas aos autores das bitácoras de cara a emprender accións legais cando consideren ofensivos os seus contidos. A proposta, así mesmo, carece de base legal ou xurídica, xa que un Concello non pode regular en ningún caso unha cuestión que afecta aos dereitos das persoas recollidos na CE, o que vén demostrar que a medida non pasa de ser unha proposta destinada a regular a acción dos colectivos sociais críticos coa formación política.

Esta non é a primeira ocasión na que o PP de Ogrobe se pronuncia en contra dos blogs. O ano pasado o grupo iniciou unha acción xudicial contra varias bitácoras da comarca do Salnés por considerar ofensivo o seu contido, ademais de tildar de “covardes, infames e viles” aos seus autores. Non entenden dende a agrupación popular que a rede é un espazo aberto para a experimentación de novas formas de comunicación e que as bitácoras son espazos persoais ou colectivos a través dos que emitir unha opinión que de antemán se sabe persoal e que non pretende crear correntes de opinión, senón servir de vehículo de expresión aos seus editores, máis aínda cando nos últimos tempos se converteron no único medio no que se poden tratar determinadas cuestións. O PP local non pode ocultar que a verdadeira intención é censurar as voces críticas que se manifestan diverxentes das súas. Ou acaso non merece a mesma censura e atribución de responsabilidades unha páxina web asinada por un colectivo pero a través da que se verten informacións que incitan a acción en contra dos dereitos recollidos na Carta Magna? A liberdade de expresión é un dereito recollido na Constitución Española que non pode ser tratado coa lixeireza que determinados grupos lle aplican.

Sem comentários: