quarta-feira, janeiro 09, 2008

A piscina dos bispos

Partindo da distinción de Ortega y Gasset entre ideas e crenzas (nas crenzas estase, as ideas téñense) un pregúntase en que a prioris móvense moitos dos nosos bispos, que lles move, e que obxectivo perseguen con concentracións como a do pasado Domingo 30 de Decembro. En que auga nadan e que aire respiran, cando convocan á xente a unha demostración de forza nun dobre período electoral, eleccións xerais e eleccións á presidencia da Conferencia Episcopal Española. Das primeiras todo o mundo é consciente, pero das segundas non tanto. Porque na Conferencia Episcopal Española existen diferentes liñas, e é evidente que o acto do pasado Domingo favorece moito máis a uns candidatos que a outros. Non, non son iguais todos os bispos, aínda que poidan parecelo.

Invócase o dereito democrático a manifestarse para reivindicar un concepto de familia, que se identifica co concepto cristián da mesma. Segundo eles, a familia está sendo atacada polo laicismo máis excluínte que ameaza con destruír a mesma democracia. Chama a atención tanta alusión á democracia, a cal case que non existe no seo da Igrexa católica. Só desde o máis rancio conservadorismo pódese xustificar a ausencia dun funcionamento democrático.

No amplo catálogo de ameazas colócanse indiscriminadamente realidades que merecen un tratamento tan diferente como o divorcio, o aborto, a anticoncepción, a Educación para a Cidadanía ou o matrimonio homosexual. Por que non se fala en profundidade de realidades como a precariedade laboral, a pobreza ou o problema da vivenda, que diariamente ameazan a miles de familias (cristiás ou non)? Todo iso nun clima marcadamente emotivo e masificado, que invita máis á obediencia debida, acrítica e prerreflexiva que ao discernimento moral. E a situación da muller ou dos homosexuais na Igrexa? Que fixo a xerarquía eclesiástica por promover a dignidade dos homosexuais, tras séculos e séculos de persecucións?, seica non son persoas? Que pensarán os homosexuais cristiáns deste tipo de manifestacións? Os miles e miles de persoas que viven excluídos por unha concepción estreita da ortodoxia moral, pero para os que o Evanxeo é moitas veces a motivación e o sostén das súas vidas. Non se sentirán aínda máis invisibles e máis cristiáns de segunda? Un autor como Benjamín Forcano afirma: “A novidade de Xesús reside aí precisamente: que a familia por moi natural e entrañable que sexa non pode ir contra outro xeito de facer familia máis radical e universal: a de ser todos fillos do único Pai do ceo e a de ser todos irmáns. Iso é o importante, o primeiro e o absoluto. (Nova Ética Sexual, Edicións Paulinas, 1981; p.306)”.

Actos como este non unen á Igrexa nin á sociedade. Botamos de menos que as convocatorias da xerarquía eclesiástica non sexan máis incluíntes. Deberían estar ao servizo de todos os crentes, non só dos máis conservadores. Moito nos tememos que estamos máis ante a instrumentalización partidista dunha mensaxe que ante un verdadeiro acto pastoral dirixido “a todas as persoas de boa vontade”.

Pero cando os bispos ademais de non facer pé, afóganse na súa propia piscina, é cando pretenden basear o seu confesionalismo nos dereitos humanos, na democracia e nos valores constitucionais. Porque nin os dereitos humanos, nin a Constitución, nin a democracia baséanse nunha única cosmovisión determinada, neste caso a cristiá, nin discriminan á xente pola súa orientación sexual. Protexen á familia sen discriminar o tipo. Tal apelación resulta máis incoherente cando o Vaticano non asinou a Declaración de Dereitos Humanos, nin estes plásmanse nas estructuras eclesiásticas, ata se chegou a afirmar que cando alguén entra na Igrexa renuncia a reclamar os dereitos humanos para el. Os Dereitos Humanos, a democracia ou a Constitución son referencias laicas, non se identifican sen máis con cosmovisión algunha, aínda que lle deban moito e baséense nalgunhas delas, entre elas a cristiá. De feito, moitos dos seus principios responden a valores evanxélicos secularizados. Tamén resultan patéticos os chamamentos ao dereito á obxección de conciencia, cando o que se intenta fomentar é a obediencia debida, cega e irracional baseada no principio de autoridade e na pertenza exclusiva ao grupo. Non se pode chamar obxección de conciencia ao que non é senón adoutrinamento, sen deliberación crítica previa.

Hai un sector da Igrexa católica que sente en posesión da verdade, da Verdade, con maiúsculas. Unha verdade entendida como unha moral obxectiva, natural, atemporal, ahistórica, “sempre foi así” comentan. Se a sociedade non se aten a esa verdade “natural” nas súas institucións e lexislación, non só séntense perseguidos senón que é a democracia mesma a que corre o perigo de disolverse (se tanto lles preocupa a democracia, por que non a practican máis?). Evidentemente en moitos non crentes esa actitude suscita o mesmo reflexo de sentirse ameazados, “iso vale para os católicos, non para a sociedade”. A verdade é que esa mentalidade non vale nin para a sociedade nin para moitos católicos. Con frecuencia esquécese que o papel da Igrexa non é impor unha moral en nome de Deus, senón servir á sociedade. Non queremos sentirnos atrapados entre un confesionalismo excluínte que nega a autonomía do civil e o pluralismo eclesiástico, e un laicismo excluínte que quere expulsar á relixión do espazo público –a laicidade pervertese cando no canto de construír un espazo público de recoñecemento entre iguais, tórnase en privatización da relixión- As sociedades modernas plurais e complexas, non funcionan sen virtudes cívicas xeradoras de confianza. É máis, autores como J.A. Pérez Tapias establecen que para que o pacto que supón a democracia, e que se plasma na Constitución do Estado democrático e de dereito (baseado á súa vez no recoñecemento de dereitos humanos universais) teña efectividade política, fai falta que os individuos de xeito previo asuman o compromiso de respectalo. Así que para iso é necesario que as persoas asuman “a prioridade ética do outro”, a idea de que “os dereitos do outro son a miña responsabilidade”. Poucos suxeitos están en mellores condicións que os cristiáns para soster, impulsar, fomentar e motivar esa prioridade.

A esencia do Cristianismo non consiste nunha lectura moral conservadora da realidade, sobre todo porque tal vez moitos dos contidos, proclamas e actuacións desa visión poidan ter que ver máis que coa súa non esencia que coa esencia mesma. O núcleo evanxélico é sempre o mesmo, as épocas e as culturas nas que toma forma cambian. Por iso necesitamos un diálogo entre a fe e a cultura para universalizar unha maior xustiza, para traducir en cada época e en cada cultura o que o Evanxeo pode dicirnos. Ambas realidades, a esencia e a non esencia han coexistido na Igrexa e seguirano facendo, por iso necesita debate e reforma interna. O que queira mirar a vida e ler o Evanxeo desde esquemas preconciliais e antimodernos ten todo o dereito a facelo, pero non pode pretender impor a súa verdade, nin confundila coa mera esencia do Cristianismo. So pena de que queiramos converter unha Igrexa universal e xa que logo válida para todos, nun club cada vez máis privado e que se reserva cada vez máis o dereito de admisión. Porque iso é o máis oposto que hai á mensaxe de salvación universal de Xesús de Nazaret.

José Eduardo Muñoz Negro.
Jesús García Alcántara.
En representación da Asociación Cultural Karl Rahner.

Sem comentários: