quarta-feira, fevereiro 13, 2008

Ataque á clase obreira

Citan a seis sindicalistas para declarar como imputados pola ocupación da Xunta na Folga do Naval


O Xulgado de Instrución número 1 do Penal enviou unha citación a Antolín Alcántara, secretario confederal da CIG de Negociación Colectiva, Miguel Malvido, secretario nacional da CIG Metal, e Vítor García, responsábel do Naval, e a tres membros de CCOO e UGT para declarar a partir do 3 de marzo como imputados pola ocupación do edificio da Xunta na folga do Naval o 15 de maio de 2007.

A citación destes seis sindicalistas realízase dentro das dilixencias previas e fíxose a petición da Fiscalía.

Antolín Alcántara, un dos imputados e secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, sinalou diante desta nova xudicial que “a xustiza se tomou de maneira moi minuciosa e con moitísima calma o exame, a decisión de procesarnos e de procesarnos non a todos, senón a tres persoas da CIG, e doutros sindicatos a menos xente, e non sabemos porque, xa que a responsabilidade da folga era de toda a Mesa negociadora. O que nos sorprende é que non se cita á Comisión negociadora e que se cita só a unha parte”.

Ataque á clase obreira

Sobre a demora na apertura do proceso xudicial, segundo Alcántara, ven a dicir que “parte da Fiscalía estivo pensando detidamente que tipo de responsabilidade se nos quería imputar, e nestes procesos, nun conflito daquela natureza e coa dimensión que tivo, o que parece sempre recurrente é que as medidas se toman contra a clase obreira, a disciplina e os castigos se lle impoñen á clase obreira, mentres os empresarios que incumprían repetidamente o Convenio até aquel momento, se lles permitía e se lles segue a dar todo tipo de licenzas”.

Alcántara engadiu que “non nos sentimos intimidados, nin ningunha actuación que veña da Xustiza nin da Fiscalía vai cambiar as decisións que temos tomado a nivel sindical de enfrontarnos e de acadar dereitos importantes nas negociacións do Convenio, e que aquí os conflitos na negociación colectiva hai que velos con esa naturalidade. Son importantes e transcendentes, e fai que a clase traballadora desfrute de dereitos consolidados”.

Retirada da demanda

Por último, Alcántara subliñou que “agardamos que se foi a Xunta quen presentou a demanda que a retire, rectifique a desproporción que presentou de danos nun primeiro momento porque aquilo estivo vestido dunha gran mentira, porque nin eran expedientes, despois rectificaron porque na súa maioría eran papeis e borradores, e que mesmo os danos materiais eran significativamente menores. Foi intencionadamente esaxerado”.

Sem comentários: