terça-feira, fevereiro 12, 2008

Inicio da campaña de recollida pública de alegacións contra a concesión da AAI a ENCE.

A “APDR” INICIA A RECOLLIDA PÚBLICA DE ALEGACIÓNS CONTRA A CONCESIÓN DA “AUTORIZACIÓN AMBIENTAL INTEGRADA” A ENCE.

A “Asociación Pola Defensa da Ría” de Pontevedra ven de iniciar a recollida pública de alegacións contra a concesión da Autorización Ambiental Integrada á fábrica de ENCE en Lourizán por entender que a presencia do complexo industrial ENCE-ELNOSA na nosa Ría impide o desenvolvemento sustentábel da nosa bisbarra (un desenvolvemento que ten que vir da man da explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros, forestais e turísticos) e afecta negativamente ao medio ambiente, aos recursos naturais e á saúde e calidade de vida das persoas. Entende tamén a APDR que a concesión da AAI a ENCE suporía a consolidación do complexo na súa actual ubicación, algo que é rexeitado na actualidade pola inmensa maioría da poboación da bisbarra pontevedresa.

Nun texto-tipo, a APDR expresa en forma de alegacións as obxeccións ao “proxecto básico” presentado pola empresa ENCE na solicitude da AAI, alegacións que basea nos seguintes puntos:

1.- O proxecto básico sometido a exposición pública leva data do 1-10-2006, polo que a tramitación da solicitude de ENCE supera con moito o prazo de dez meses contemplado na Lei 16/2002 de PREVENCIÓN E CONTROL INTEGRADOS DA CONTAMINACIÓN, prazo que non se pode prorrogar de forma artificiosa. Xa que logo, e dacordo co artigo 21.1 da citada Lei, a solicitude de ENCE debe de considerarse desestimada por silencio administrativo negativo.

2.- Non consta que ENCE teña solicitado do Concello de Pontevedra o informe acreditativo da compatibilidade co planeamento urbanístico (preceptivo dacordo co artigo 12.1-b), imprescindible para a tramitación da AAI; pretender eludir este trámite amparándose no Decreto do 26-12-2003 (de supramunicipalidade) é contrario ao contemplado no citado artigo, que non exceptúa a ningunha industria da petición do informe urbanístico. Sen tal informe, ou sen ter xustificada a petición do mesmo, non procede iniciar a tramitación da AAI, e permitir tal eiva é consentir que se incumpra a Lei e concederlle a ENCE un trato distinto ao resto de empresas, o que está vedado polo artigo 14 da Constitución Española.

3.- No proxecto básico presentado por ENCE acompáñanse tan só tres licencias municipais: a inicial do 1.965; unha ampliación do 1.968 e outra do 1.989. Debe presumirse, xa que logo, que as demais obras levadas a cabo polo GRUPO EMPRESARIAL ENCE –que non están amparadas polos tres permisos mencionados- non contan coa preceptiva licencia municipal, razón demais para non outorgar a A.A.I.

4.- Debe terse en conta, ademais, que a empresa ENCE (que foi condenada en novembro de 2002 por delito ecolóxico) continua incumprindo moita da lexislación medioambiental de aplicación; neste sentido, indicar que –desde o inicio da súa actividade- incumpre o artigo 4 do Decreto 2414/1961 (RAMINP), vixente na Galiza, ao non gardar a distancia de 2.000 metros dos núcleos de poboación mais próximos, e que os seus vertidos superan os valores máximos permitidos para catro parámetros (DBO, DQO, sólidos en suspensión e fósforo total) no Real Decreto 509/1996, de obrigado cumprimento para ENCE tal e como se recolle na condición 5ª da súa autorización de vertido.

Desde a APDR facemos un chamamento a todas as persoas e colectivos sociais que estean pola recuperación da ría e, xa que logo, contra a consolidación do complexo ENCE-ELNOSA en Lourizán, a participar activamente na campaña de recollida de alegacións, unha campaña que entendemos debe ser aberta ao conxunto da cidadanía.

Sem comentários: