domingo, fevereiro 24, 2008

MOXENAS, Musical Galego (EN CONCERTO)

Día: 2 de MARZO (Domingo)
Hora: 19:00 H.
Lugar: Auditorio S. C. D. ATLÁNTIDA MATAMÁ



Moxenas Musical Galego é unha agrupación artístico - musical popular e tradicional que reúne os mellores valores do Movemento Veciñal de Vigo nas distintas modalidades artísticas: interpretación de música, canto e danza.

A agrupación ten as súas raíces no Movemento Veciñal de Vigo onde existe unha longa tradición de escolas de música tradicional; auténticos foros de formación para a xuventude nas distintas disciplinas musicais da nosa cultura popular. Conscientes de que chegado o momento estes valores formados durante anos precisarían dunha promoción a outro nivel superior, dende a Federación Veciñal de Vigo creouse Moxenas Musical Galego.

A dirección corre a cargo de don Xosé Oliveira, gaiteiro de “Noitarega” e conta coa colaboración de autores contemporáneos de prestixio como Ernesto Campos para algúns dos seus arranxos.

Tras varios anos de preparación interna para acoplar as diferentes disciplinas artísticas, Moxenas Musical Galego realizou a súa estrea o 30 de abril de 2005 no Teatro – Sala de Concertos do Centro Cultural Caixanova de Vigo. Esta presentación estivo amadriñada por Susana Seivane, en concerto co grupo, e contou cos apoios de recoñecidos artistas como Xosé Ferreirós de Milladoiro, a Asociación de Gaiteiros Galegos e de Antón Corral, director da banda de Gaitas Xarabal.

Ata 40 compoñentes participan da espectacular posta en escena de Moxenas Musical Galego.

Gaitas, pandeiretas, piñas, culleres, tamborís, bombos, trompetas, saxos, teclado, frautas traveseiras, clarinetes e zanfona son os instrumentos que combinan coas voces e os bailes tradicionais.

A posta en escena resulta nunha novidosa sorte de montaxes nas que se ven manifestadas a un tempo as distintas modalidades artísticas (música, canto e baile) expresadas na súa mellor riqueza plástica con espectáculos sobre o escenario nos que o apartado musical combina todo tipo de instrumentos, tanto en conxunto como individualmente; a eles engádeselles o aliciente das voces cantando á par dos sons instrumentais. Súmase a esta posta en escena o vistoso do baile con montaxes de danza nas súas distintas variedades e estilos.

As composicións de Moxenas Musical Galego baséanse na música tradicional galega para transcendela con novos e revolucionarios arranxos a partir das grandes posibilidades que ofrece a utilización de instrumentos universais inseridos nas bandas de música e murgas modernas tales como os de vento metal e vento madeira.

A experiencia resultante é un espectáculo de grande riqueza e atractivo visual con ata 40 participantes en escena, con entradas e saídas de músicos, vocalistas e bailaríns de acordo a unha nova concepción artística que arriquece a concepción do panorama tradicional galego.




http://www.favec.es/index.php?option=com_content&task=view&id=69&Itemid=87

Sem comentários: