segunda-feira, fevereiro 25, 2008

Na dereita non hai abrecus

El Gran Wyoming / Público.

As declaracións de Carlos Dávila nas que afirma que Boris Izaguirre é un “abrecus, un personaxe abxecto que en calquera outro país do mundo estaría na clandestinidade”, son toda unha declaración de principios do centro político do noso país. Este señor non é un xornalista marxinal. Ten todo tipo de premios polo seu labor profesional, colabora no prestixioso diario ABC, na Cope, en Radio Intereconomía, no programa de María Teresa Campos de Antena 3, dirixe un programa en Canal 9, durante seis anos estivo á fronte do “tercer grado” en TVE, é asiduo interlocutor do programa de Sáenz de Buruaga en Telemadrid... e afirma que a súa ideoloxía política é o “liberalismo”. Ou sexa, un prohome do centro. Do de “abrecus”, nada teño que dicir. É comprensible que Boris lle irrite porque, como é sabido, na dereita española non hai homosexuais, ou como eles din, maricóns, e claro, o home reacciona como se facía naquela Hespaña de machos, onde aos maricóns corríaselles polas rúas e mallábaselles. E aí é onde quero ir. Non é certo que en calquera outro país de mundo Boris estivese na clandestinidade. É no seu mundo, señor Dávila, onde Boris tería que esconderse. A día de hoxe, pode viaxar tranquilamente porque nese espazo que vostede chama “calquera outro país do mundo” non gobernan “os seus”, e espero polo ben dos seres humanos que tarden moito en chegar ao poder, porque lle creo cando expresa o seu desexo de que regresen tempos de clandestinidade, de persecución e crueldade. Triste Imperio Hespañol onde antes non se puña o sol e agora, simplemente, non se pon o cu. Iso consólalles. Mentres, seguiremos defendendo a liberdade, como podamos.

Sem comentários: