sexta-feira, fevereiro 22, 2008

O BNG marca diferenza co PP e o PSOE porque a súa prioridade é Galiza

A cabeza de lista do BNG ao Congreso por Pontevedra, Olaia Fernández Davila, asegurou esta noite nun acto público en Caldas que “o BNG marca unha clara diferenza” respeito ao PP e ao PSOE porque “a nosa diferenza, a nosa distinción, é ter a Galiza como prioridade. Un valor do que carecen os dous partidos estatais cuxos obxectivos prioritarios non pasan polo noso pais”.

A candidata nacionalista puxo de relieve o labor realizado polos nacionalistas galegos na pasada lexislatura en pro do territorio galego. “Todas as nosas iniciativas parlamentares, todas as nosas propostas e xestións nas Cortes Xerais teñen como protagonista principal a Galiza, a defensa dos intereses do pais e dos galegos e das galegas. Ese protagonismo único do pais non aparece no labor parlamentar nen do PP nen do PSOE, pero si no traballo do BNG”.

Para Davila “o BNG é unha forza política de fiar e así o demostramos nestes anos de andaina no Parlamento do Estado. A cidadanía galega pode confiar en nós porque nunca defraudamos á hora de defender a Galiza”. Neste sentido, aludiu o labor dos nacionalistas galegos para que se incrementasen as partidas dos Orzamentos Xerais do Estado destinadas a Galiza nos tres últimos exercicios. “Fomos decisivos para que este ano se destinasen ao noso pais máis de 2.000 millóns de euros. Esa cifra é un logro da negociación levada a cabo polos nacionalistas galegos no Congreso”.

“Ninguén máis se preocupou de aumentar as cifras para o territorio galego. O PP, o partido político do Non, instalado na illa da continua crítica destructiva, incapaz de aportar nada fructífero para os galegos e as galegas, nada conseguiu en favor de Galiza. O PSOE, máis preocupado polos intereses eleitorais estatais, tivo o seu punto de mira cara outros ámbitos territoriais. Foi o BNG a única forza política que non abandonou en ningún momento a vixianza dos intereses do pais, e todo o mundo pode comprobar o noso expediente, aí está”, salientou a candidata do BNG.

Nesta liña, mencionou o Decreto enerxético do Goberno que contempla a eliminación da tarifa eléctrica nocturna. “No debate deste Decreto posicionámonos en contra da supresión deste tipo de tarifa que na Galiza teñen máis de 130.000 familias. Igual que é desde a Consellaría de Industria desde onde se está a dar a batalla para que esta eliminación non avance ou para que polo menos, o Goberno estatal subvencione os custes de adaptación aos novos sistemas de calefación”. Deixou claro que “este problema estará nun lugar prioritario na axenda de traballo do BNG despois do 9 de Marzo. Levaremos iniciativas parlamentares ao Congreso para debatir este tema e procurar solucións alternativas a fin de que á cidadanía galega, e de paso a do resto do Estado, non teña que asumir en solitario os gastos dos cambios deste tipo de tarifa a outra”.

Nun ton irónico, Olaia Fernández Davila aludíu á campaña de Mariano Rajoy para sinalar que “por moito que se empeñen nesta campaña en ofrecer unha imaxe dun Rajoy moderado non o van conseguer porque o seu programa eleitoral reaccionario e ultramontano llo impide. O seu programa é o espello do que son, unha dereita antiga con ideas e propostas de extrema dereita”.

Sem comentários: