sexta-feira, fevereiro 08, 2008

O Valedor do Pobo inicia unha investigación sobre a decisión de Caballero de prohibir o acceso a un pleno municipal



As pesquisas súmanse ás dúas denuncias presentadas por asociacións de veciños e o MpDC ante a Fiscalía de Vigo contra a actuación do alcalde

O Valedor do Pobo iniciou unha investigación sobre a actuación levada a cabo polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, durante o desenvolvemento do Pleno da Corporación do pasado 12 de decembro. A institución galega analizará a legalidade da decisión adoptada polo rexedor vigués de prohibir o acceso ao edificio municipal a un grupo de veciños que pretendían asistir á sesión na que se ía tratar a aprobación do PXOM, vulnerando de xeito grave o dereito fundamental dos seus administrados a participar nos asuntos da vida pública. Segundo indicou o Valedor, iniciou “as actuacións oportunas ante o Concello de Vigo”, razón pola que agora a entidade local deberá remitir un informe no que explique e xustifique os motivos polos que impediu o acceso á Casa Consistorial.

A raíz destes feitos, o Movemento polos Dereitos Civís presentou unha queixa ante o Valedor, instándoo a levar a cabo as oportunas investigacións de cara a aclarar responsabilidades. Así mesmo presentou unha denuncia ante a Fiscalía de Vigo para que inicie de oficio unha investigación, que se suma á denuncia interposta por varias asociación de veciños que se viron afectados pola prohibición.

Deste xeito, o Valedor estudará a ilegalidade duns feitos nos que se obviaron os dereitos fundamentais dos cidadáns a través de mentiras e discriminacións, xa que a escusa exposta polo alcalde para xustificar a súa decisión referíase a falta de espazo no salón plenario, cando os veciños tiñan plena constancia de que isto non era así. Ademais, un grupo de persoas previamente seleccionadas puideron estar presentes no desenvolvemento da sesión. O órgano dirixido por Benigno López lembra que no exercicio do dereito de asistencia ás sesión do pleno os veciños “ostentan un interese lexítimo preferente” e que a normativa que regula as corporacións locais autoriza “ás asociacións de veciños para ter unha participación activa ante o Pleno”, dereito do que carecen outras entidades, puntos, ambos os dous, que foron violados polo alcalde de Vigo. Do mesmo xeito, O Valedor tamén salienta que coa súa actitude o Concello vulnerou o dereito “á legalidade urbanística que, baixo a cobertura dunha acción pública, se lle recoñece a calquera cidadán”.

O MpDC agarda que as investigacións iniciadas polo Valedor sirvan para depurar as responsabilidades dunha actuación ilegal por parte da administración pública e espera que as autoridades que decidiron de “motu proprio” menoscabar os lexítimos dereitos dos cidadáns sexan sancionadas segundo indica a normativa vixente.

Sem comentários: