sábado, março 15, 2008

As forzas politicas galegas coinciden na necesidade de abordar unha reforma constitucional

Os voceiros parlamentarios de BNG, PSdeG e PPdG opinan sobre a situación dos dereitos civís e s liberdades na Galiza

As principais organizacións políticas do noso país concordan á hora de indicar que aínda queda moito camiño por recorrer no que se refire ao respecto dos dereitos civís da sociedade galega, e non dubidan en recoñecer que o actual marco constitucional precisa dun novo pulo para dar resposta aos novos tempos e ofrecer maiores garantías neste eido. Tamén concordan na necesidade da figura do Valedor do Pobo, aínda que recoñecen que a súa función non está plenamente desenvolvida. A continuación transcribimos parte das respostas ofrecidas polos voceiros parlamentarios do BNG, PSdeG e PP, Carlos Aymerich, Ismael Rego e Manuel Ruíz Rivas, respectivamente, ás preguntas formuladas polo MpDC sobre distintos aspectos dos dereitos civís no noso país.

Modificación da Constitución

Carlos Aymerich: A CE supuxo un paso adiante en termos de dereitos e liberdades aínda que a súa garantía e efectividade reais siga a ser unha materia pendente (eis os delictos de opinión, a proteción penal da monarquía ou o muito que aínda fica por avanzar na separación entre os poderes públicos e a igrexa). Na miña idea, nesta febleza das das garantías ten moito a ver a obsesión dos constituíntes en manter un poder xudicial único para todo o Estado que, alén do máis, non esta a atravesar polos seus mellores momentos. E como nacionalista galego, non podo comungar cun texto que non recoñece o dereito de autodeterminación de Galiza e que consagra a inferioridade xurídica da lingua galega face a española.

Ismael Rego:
Galicia, para establecer a nosa configuración como nacionalidade histórica e que se consolidara un entramado territorial. Isto provocou que se producira unha alta mellora da calidade de vida dos nosos cidadáns. Aínda así, non é algo estático. Creo que todavía hai amplos espazos para consolidar as garantías dos cidadáns; nesta lexislatura, co goberno de Zapatero, déronse moitos avances no desenvolvemento contitucional, aínda quedan espazos para garantir os dereitos e ir máis alá no desenvolvemento territorial de España e na proximidade. É certo que nalgún momento a CE deberá ter unha posta a punto, pero hai que facelo coa mesma serenidade e o mesmo consenso que entón. No actual clima e marco político non se poden acometer reformas.

Manuel Ruíz: En efecto, o vindeiro mes de decembro celebraremos o trixésimo aniversario da Constitución Española e coido, sen lugar a equivocarme, que a vixente Carga Magna nos outorgou, ao conxunto dos españois, o período de maior estabilidade democrática e propiciou un desenvolvemento económico e social sen comparanza en toda a nosa historia. Foi o marco constitucional o que posibilitou desenvolver o estado das autonomías, ata o punto de converter a España nun dos países máis descentralizados do mundo. Neste contexto é obvio que as reformas constitucionais non se poden afrontar con lixeireza nin en función de impulsos puntuais de tal ou cal formación minoritaria. Sen un consenso xeral, polo menos dos dous principais partidos políticos de ámbito estatal, unha reforma deste tipo non é viable; é máis, non semella responsable abordalo sen dispoñer dunha garantía previa de consenso da que actualmente carecemos.

Vulneración dos principios recollidos na CE por parte da Administración

C.A.: Padecemos unha democracia imperfeita que aínda alberga muitos espazos de sombra. Basta ver os informes anuais do MpDC ou os doutras organizacións, galegas e estranxeiras, de protección dos dereitos humanos. Canto as solucións non hai que inventar muito. Apenas aplicar o que certos instrumentos internacionais xa prevén – en materia de prevención e perseguizón da tortura e dos maus tratos – e importar as boas práticas xa experimentadas noutros países - por exemplo en materia policial. Mais, para iso, os partidos españois deberían acreditar de verdade no carácter inalienábel e universal dos dereitos e as liberdades.

I.R.: Neste aspecto hai que dicir que a Constitución ten limitacións. Ao que lle chama dereitos en realidade son principios reitores, xa que para seren dereitos a CE debería establecer as canles que garantizasen o seu cumprimento, que é o que o texto non recolle. A CE fala de dereitos con rimbombancia, pero dótase pouco para facer efectivos eses artigos, que estarían mellor recollidos como principios reitores, deixa demasiado ao libre albedrío dos políticos do momento a súa aplicación. Este é unha das principais limitacións da CE e sería unha das cousas a ter máis en conta cando se revisar o texto, que xustamente é o que se está a facer na revisión dos Estatutos de Autonomía.

M.R.: Non teño a percepción de que se estea a rexistrar un incumprimento xeneralizado da Constitución por parte dos órganos aos que se refire. Acusar xenericamente aos corpos e forzas de seguridade de vulnerar os dereitos constitucionais paréceme inxusto porque, tamén os axentes están suxeitos á Administración de Xustiza, que é independente e á que calquera cidadán pode acudir se considera que os seus dereitos foron atropelados.

Elección do novo Valedor

C.A.: Asumo, como deputado do BNG, a alicuota de responsabilidade que me corresponde nunha escolla que se está a demonstrar como non acertada. O caso é que aceitamos esta proposta do PSOE (e, polo que agora sabemos, tamén do PP) no marco nun acordo global para a renovación do Consello de Contas, o Consello Económico e Social e o Consello Consultivo. E, en calquera caso, cómpre lembrar que dada a maioría esixida para este nomeamento (3/5) o concurso do BNG non era necesario.

I.R.: Dende o PSOE quixemos que a elección se puidera facer por unanimidade, para que quedara á marxe do entramado político. Fomos capaces de elexir a un Valedor por unanimidade, o que da mostra da xenerosidade de todos os grupos. Esta circunstancia tamén outorga unha gran lexitimidade e moita responsabilidade a esta figura. O Valedor está dando pasos importantes na dirección de revitalizar o seu funcionamento. Temos moitas esperanzas no Valedor e no seu equipo, que seguro desenvolverán un bo traballo de cara a crear un servicio encamiñado a garantir os dereitos dos galegos.

M.R.: Primeiro, teño que expresar o meu respecto, e o de todo o Grupo Popular, pola figura do Valedor do Pobo e do ilustre maxistrado que ocupa ese cargo para o que foi elixido por unanimidade do Parlamento de Galicia. Dito iso, tamén debo deixar claro, con independencia de que compartamos ou non o seu criterio, que Don Benigno López ten perfecto dereito a opinar sobre os asuntos que considere oportuno, máxime pola experiencia que acumula como maxistrado. E non se entende que os mesmos que cuestionan con tanta dureza a liberdade de opinión do Valedor, sexan os primeiros en respaldar a manipulación e a censura sistemática que están a practicar os medios de comunicación de titularidade autonómica.

Liñas a seguir polo Valedor do Pobo

C.A: O Valedor do Pobo debe ser consciente, en primeiro lugar, que é unha institución galega. Por tanto, que ten que responder diante do Pobo galego, representado no Parlamento, e non diante de ningunha institución española. En segundo lugar que non está a exercer unha función xurisdicional: o Valedor non é un xulgador imparcial mais un defensor activo dos cidadáns frente os poderes públicos. E, en terceiro lugar, quizais conviñese lembrar que o afán de notoriedade é, no exercicio de certas maxistraturas, dificilmente conciliábel coa eficacia.

I.R.: A institución xa comezou a facer informes de oficios, o que é unha boa sinal. Ademais non agarda a que os cidadáns se acheguen a ela, senón que ela se achega aos cidadáns. Existe un nivel de demandas importante, que demostra que os galegos consideran esta figura de utilidade. Hai que entendela dentro do seu cometido como un ente colaborador e de interlocución entre a sociedade e a Administración. A figura do Valedor é un bo intermediario.

M.R.: Esa cuestión habería que plantexarlla ao propio Valedor, que debe gozar de plena independencia para desenvolver as funcións que ten encomendadas esa institución, co obxectivo ultimo de defender os dereitos de todos os cidadáns, especialmente os dos máis desvalidos, e sen outra limitación que o respecto ás leis ás que todos estamos sometidos.

Creación da Axencia de Boas Prácticas Policiais (iniciativa do MpDC)

C.A.: Parécenos unha iniciativa imprescindíbel para asentar na Galiza unha cultura policial democrática e respeitosa dos dereitos das persoas. Queremos unha policía galega non só por ser galega mais tamén para superarmos práticas e tratamentos improprios dun país democrático.

I.R.: Todas as iniciativas son dignas de estudo, máis se pretenden reforzar os dereitos dos cidadáns. Entendo que en Galicia non nos atopamos nun estado de excepcionalidade no que ás prácticas policiais se refire, non obstante previr os excesos é necesario. Non vexo mal que se fale desta cuestión, que ademais reforza o Estado de dereito.

M.R.: Como é natural, respecto a iniciativa e comprométome a estudala se me trasladan algún documento. Persoalmente creo que non se debe criminalizar a ninguén e tampouco convén perder de vista que as forzas e corpos de seguridade están ao servizo do cidadán, para protexernos e velar polo cumprimento dos nosos dereitos. Pode parecer unha perogrullada. Pero que se teño que decantarme, sempre estarei ao carón dos axentes da autoridade, que nos defenden dos delincuentes e velan polo cumprimento da lei, e non ao contrario.

Nota: As entrevistas aos tres voceiros foron publicadas no número 1, 2 e 3 do xornal mensual "En Movemento". As forzas politicas galegas coinciden na necesidade de abordar unha reforma constitucional

Sem comentários: