sexta-feira, março 14, 2008

“NON ENTENDO QUE DIFICULTADES TÉCNICAS HAI PARA QUE VOTEN OS MARIÑEIROS SE PODEN VOTAR OS MORTOS”

O deputado do BNG Bieito Lobeira formulou esta mañá no Parlamento unha pergunta oral na Comisión Primeira sobre a necesidade de reformar a normativa e posibilitar asi que voten os mariñeiros galegos que se atopen faenando lonxe de portos durante o período eleitoral.

O portavoz en materia de Pesca lembrou que nestes comicios do 9 de marzo houbo entre 10 e 15.000 mariñeiros que non puideron exercer o seu dereito a voto o que, na súa opinión, “contrasta coa flexibilidade coa que poden votar outros, como un colectivo especialmente activo e comprometido, o dos votos da emigración”.

O deputado nacionalista ironizou co reconto dos votos do CERA e aconsellou a PP e PSOE que “organicen actos nos camposantos, xa que ali teñen un importante nicho eleitoral”, ao tempo que apuntou que fai esta recomendación ás forzas estatais porque “esta non é a guerra do BNG”.

Lobeira quixo confrontar esta situación coa de milleiros de galegos, “cidadáns que si naceron aqui, que coñecen a realidade do país e non poden votar porque a legalidade non contempla a súa situación”.

Precedentes

Na súa resposta, o secretario xeral da Consellaría de Presidencia admitíu a imposibilidade legal de que os mariñeiros galegos embarcados por longos períodos voten mais aludíu á existencia de “dificultades técnicas” para posibilitalol ao tempo que explicou que esta reforma debería contar co “máximo consenso” e apuntou que existe xa un grupo de traballo neste eido no Congreso dos Deputados.

O parlamentar nacionalista afirmou descoñecer “cales son esas dificuldades técnicas” e ironizou de novo ao asegurar que “é máis difícil tecnicamente que vote un morto que que vote un mariñeiro galego, iso si que é tecnoloxía punta”.

Para o deputado nacionalista “estamos a falar dunha cuestión de vontade política” e explicou que na actualidade “existen múltiples precedentes e posibilidades técnicas que se teñen levado á práctica en diversos países”, e citou como exemplo o feito de que en EEUU voten mesmo os astronautas.

“No BNG levamos xa moitos anos nesta loita”, continuou, “fixemos mil esforzos antes das elecións que non tiveron froito”, ao tempo que asegurou que “se non se moveu ficha é porque este voto non é manipulábel nin teledirixido” e instou ao goberno a que “desde a súa responsabilidade faga os esforzos precisos para facer entender que éste é un problema esencialmente galego e fai falla vontade para resolvelo”.

Sem comentários: