sábado, março 01, 2008

NOVA DENUNCIA DA APDR CONTRA ENCE POR RECHEOS NAS BALSAS DE DECANTACIÓN

A Asociación Pola Defensa da Ría ven de presentar unha nova denuncia –a terceira diante da Dirección Provincial de Costas, a segunda diante da Consellería de Medio Ambiente- contra ENCE polo recheo parcial, ilegal, da balsa de decantación número 4 do complexo industrial de Lourizán. As denuncias que ten presentado a APDR foron estudadas e rexeitadas por ambas administracións que responderon á APDR cos argumentos da empresa; nas resolucións da Subdirección Provincial de Costas contéstase cunha cartas do director do Complexo Industrial de ENCE SA, Félix Pérez Gayol que chega a afirmar que “en ningún caso se trata dun recheo na zona tal e como se menciona na denuncia”.

Na segunda denuncia presentada diante da Dirección Provincial de Costas, a APDR axuntaba unha fotografía de satélite do servizo de imaxes de Google Earth onde se podía comprobar que con posterioridade a solicitar –e serlle denegada- a autorización para o recheo das balsas de decantación, na balsa número 4 non existía ningún tipo de recheo; a situación, coa nova depuradora en período de probas pero cos aireadores das balsas 1, 2 e 3 aínda funcionando, correspondería á fase de probas da nova depuradora que comezou en febreiro de 2005. Recentemente, o servizo de imaxes desde satélite Google Earth actualizou a imaxe da zona e nesta nova imaxe, posterior á posta en marcha da depuradora, e desde logo moi posterior á prohibición efectiva dos recheos das balsas pódese comprobar que, tal e como ven denunciando a APDR dende fai un ano, ENCE recheou, polo menos parcialmente, a balsa de decantación número 4. É con estas dúas fotografías coas que a Asociación fundamenta a nova denuncia.

A Asociación Pola Defensa da Ría quere expresar a súa preocupación pola alarmante complicidade que as administracións están a amosar con ENCE, unha complicidade que evidencian á Dirección Xeral de Costas e á Consellería de Medio Ambiente que non so están dispostas a tolerar a actividade ilegal da empresa senón tamén a enganar aos cidadáns para protexela, intentando facer ver que non ocorre algo que é evidente. Tanto na resposta da Dirección Provincial de Costas como na da Consellería de Medio Ambiente tense chegado ao extremo de contestar á Asociación Pola Defensa da Ría en base ás respostas dadas por ENCE á denuncia presentada, non existindo ningunha referencia á unha comprobación efectiva da presenza dos recheos. Xa que a magnitude do recheo é demasiado voluminosa para pasar desapercibida nunha simple inspección ocular e dado que estas inspeccións se realizaron, todo parece indicar que as administracións decidiron amparar a ilegalidade das actividades da empresa e emitir unha resolución falseando a realidade para evitar que ENCE tivera que asumir a súa responsabilidade polas actuacións levadas a cabo.

Pero as actuacións que ENCE ten realizado revisten ademais da gravidade que implica a actuación nunha balsa onde se acumula unha grande cantidade de lodos altamente tóxicos, tal e como o advertiu no seu momento o Instituto Nacional de Toxicoloxía, que nun informe de novembro de 2002 aseguraba que:

“As balsas, sen embargo, é de agardar que continúen tendo importantes cantidades de dito metal (mercurio), e polo tanto xerando un factor de risco de verdadeira importancia”.

No traballo realizado con anterioridade polo Instituto Español de Oceanografía, no que se fundamenta o do INT, asegurábase que:

“Estudáronse as características de las balsas, así como os sedimentos das mesmas, especialmente en relación co mercurio. Destácase nas medicións unha moi alta contaminación dos sedimentos, especialmente das balsas 4 y 5, sinalando que estas non se atopan impermeabilizadas. Por los resultados poderían compararse co nivel de “Contaminación moi elevada” que se recolle no mesmo informe e que correspondería aos fondos portuarios para ser dragados ou vertidos. As cifras acadan valores medios de hasta 39.3 mg/kg (balsa 4), ou de 155mg/kg (punto 1 de la balsa 5) ou de 89mg/kg (punto 2 de la mesma balsa, o máis próximo ao vertido), son extremadamente elevados e indican la elevada contaminación destes, que haberían de ser tratados con extrema cautela illándoos en recintos específicos con paredesi mpermeabilizadas e/ou utilización de técnicas de inertización ou tratamento químico”

É evidente que a empresa, coa tolerancia da administración e carecendo de autorización, procedeu a efectuar recheos na balsa número 4 (que non está impermeabilizada) lonxe de “tratar os sedimentos con extrema cautela en recintos específicos con paredes impermeabilizadas” como recomendaban o Instituto Español de Oceanografía e o Instituto Nacional de Toxicoloxía.

A APDR agarda que agora as administracións si atendan ao seu cometido, a vixilancia do cumprimento da legalidade e a procura da seguridade dos cidadáns e do medio ambiente, e que se tomen as medidas necesarias. En concreto a APDR ven de reclamar á Consellería de Medio Ambiente e á Dirección Provincial de Costas que, en primeiro lugar, tomen as medidas necesarias para deter as accións que ENCE está levando a cabo. Pero a actuación máis importante e urxente é a de avaliar os danos que os recheos puideran ter ocasionado, comezando por analizar o grao de dispersión dos contaminantes acumulados. Unha vez avaliados estes danos, debe actuarse sobre os terreos onde están situadas as balsas para, en condicións de seguridade, proceder a tratar os lodos contaminados con mercurio acumulados dende fai anos nas mesmas. Por último, recórdase ás administracións que a realización das actuacións levadas a cabo pola empresa de Lourizán, supón un grave quebranto do condicionado da concesión de dominio público marítimo terrestre e unha infracción grave de acordo co artigo 175 da lei de Costas relativo ás infraccións, polo que se solicita que se actúe en consecuencia.

Pontevedra, 29 de febreiro de 2008
Pola Asociación Pola Defensa da Ría,
Benito Andrade

Sem comentários: