segunda-feira, março 17, 2008

O BNG APOIA AS DEMANDAS DOS PRODUTORES DE LEITE DE GALIZA

O órgano executivo do BNG lamenta que a administración do Estado non acompañe as políticas “positivas cara o sector” impulsadas pola Consellaría de Medio Rural.

Os nacionalistas galegos lamentan que o Ministerio de Agricultura apoiase en Bruxelas o incremento liñal da cota desouvindo as demandas do sector leiteiro galego.

A Executiva Nacional do BNG quere expresar o seu apoio ás demandas dos produtores de leite de Galiza fronte as prácticas abusivas das industrias leiteiras cos seus centros de decisión en Madrid.

Así mesmo o BNG lamenta que outras administracións non acompañen as políticas positivas cara o sector impulsadas pola Consellaría do Medio Rural.

Contra o incremento lineal da cota de produción

Nesa liña, o BNG lamenta que o goberno español veña de apoiar o incremento lineal da cota de produción leiteira que vén de ser aprobado hoxe en Bruxelas. Este incremento do 2% para todos os estados manterá a desigualdade e a discriminación histórica que sofre o noso país no reparto de cota. Cómpre destacar, neste senso, que a cota de produción de leite no Estado español, cuxo prinicipal produtor é Galiza, apenas cubre o 66% da demanda interna, mentres outros Estados teñen asignada unha cota de producción de leite moi superior ás suas necesidades de consumo. Deste xeito o Estado español terá que seguir importando leite do doutros estados da Unión Europea mentres Galiza segue tendo unha cota moi inferior ás suas capacidades de producción.

O BNG manifesta o seu malestar por que a Ministra de Agricultura, ao apoiar un incremento liñal e a futura desaparición do sisema de cotas, necesario para a regulación do sector , desouviu non só as demandas do sector leiteiro galego senón tamén un pronunciamento unánime do Parlamento Galego.

Estas medidas sumanse á modificación dos criterios de reparto da reserva nacional, desouvindo a demandas do sector de manter os criterios de reparto vixentes en 2005 que priorizaban o acceso á mesma das pequenas explotacións, para que puidesen dimensionarse e seren competitivas, atendendo á sua importante función social e medioambiental, evitando a desertización do medio rural e contribuíndo á preservación do territorio.

O novo sistema, denuncia o BNG, fixo que ficase sen repartir cota da reserva nacional mentres explotacións galegas non puideron acceder a incrementos de cota.

Apoio ás políticas de Medio Rural

A xuizo do BNG, estas políticas, unida á baixada abusiva dos prezos por parte de industrias leiteiras con centros de decisión en Madrid están a introduzir incertidume e desestabilización nun sector básico para o porvir do agro galego. A executiva do BNG lamenta que desde o Estado non se colabore coas medidas positivas para o sector que está a impulsar a consellaría de Medio Rural, presidida polo nacionalista Alfredo Suárez Canal.

O BNG lembra que este departamento está a actuar como mediador permanente entre a industria e os produtores, apostando pola introdución da transparencia no mercado do leite.

Algunhas das medidas tomadas nesta dirección son a criación da mesa do leite -Galiza é a única comunidade con este órgano- ou o observatorio do sector lácteo como marco de referencia para os prezos.

Estas políticas impulsadas polo nacionalismo desde o goberno galego serviron para conseguir a equiparación entre os prezos que se pagan aos productores galegos e os do resto do Estado, corrixindo o diferencial existente que facia que os produtores galegos cobrasen 2,5 das antigas pesetas menos por litro.

Sem comentários: