quarta-feira, março 12, 2008

O PARLAMENTO INSTA A CREAR UN SERVIZO DE EMERXENCIA DE INTÉRPRETES DE LINGUAXE DE SIGNOS PARA MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA

A portavoz en materia de Igualdade, Ana Pontón, defendeu esta mañá no pleno do Parlamento unha proposición non de lei que foi aprobada por unanimidade sobre a necesidade de prestar especial atención ás mulleres discapacitadas vítimas de violencia de xénero.

A proposición non de lei ten como dous dos seus pontos fundamentais a creación dun servizo de emerxencia de intérpretes de linguaxe de signos para atender as denuncias de mulleres discapacitadas que sexan vítimas de violencia de xénero.

A parlamentar lembrou na súa intervención que estas mulleres “teñen que ter visibilidade e audibilidade na sociedade actual”, neste contexto, Pontón quixo valorar a nova Lei contra a violencia de xénero, “de relevancia polos seus contidos específicos, entre os que está a penalización da violencia e o desenvolvemento dun marco específico de actuación”.

A deputada nacionalista describíu a situación destas mulleres que padecen “unha discriminación múltiple e que teñen que superar barreiras sociais e físicas”, para alén de existir lagoas na formación dos profesionais para atendelas e dificuldades no seu acceso á información.

Prevención de novos casos

Pontón apuntou que aínda “queda moito camiño por andar” e destacou cuestións como a necesidade de contrarrestar problemas como “a baixa autoestima que produce en moitas ocasións en estas mulleres a sobreprotección á que se lles somete e que ocasiona tamén unha maior indefensión e vulnerabilidade”.

A portavoz de Igualdade apostou por manter un traballo continuado “para mellorar a accesibilidade universal aos recursos, ao tempo que destacou os outros elementos incluídos na resolución desta iniciativa: a realización de estudos e investigacións sobre a incidencia da violencia contra as mulleres con discapacidade, as formas que adoptan e as súas causas, a inclusión de módulos específicos sobre violencia de xénero e discapacidade na formación de profesionais que traballen en ámbitos relacionados coa violencia de xénero, a elaboración de guías e materiais específicos que inclúan pautas para a detección precoz da violencia de xénero.

Sem comentários: