sábado, março 29, 2008

O SENTIDO DO HUMOR E DA FESTA


Os tempos non son bos. A humanidade está conducida por líderes na súa maioría negativos e mediocres. As relixións, case todas, están enfermas de fundamentalismo, arrogancia e dogmatismo, sen excluír a sectores da Igrexa católica Romana, contaminados polo pesimismo cultural do actual Papa.

A pesar diso, hai aínda lugar para o humor e o sentido da festa? Creo que si. A pesar dos absurdos existenciais, a maioría das persoas non deixa de confiar na bondade fundamental da vida. Levántase pola mañá, vai traballar, loita pola súa familia, procura vivir cun mínimo de decencia (tan traída e levada polos políticos) e acepta sacrificarse polos valores que realmente importan. Que se esconde detrás destes xestos cotiáns? Aí afírmase, de forma prerreflexa e inconsciente, que a vida ten sentido; aceptamos morrer, pero ¡é tan boa a vida!, como dixo François Mitterand antes de morrer.

Algúns sociólogos como Peter Berger e Eric Vögelin reiteran nas súas reflexións que o ser humano posúe unha tendencia irrefreable cara á orde. Onde queira que aquel aparece, crea rapidamente un acordo existencial con ordes e valores que lle garanten unha vida minimamente humana e pacífica.

Esta bondade intrínseca da vida é a que fai posible a festa e o sentido do humor. A través da festa, xa sexa sacra ou profana, todas as cousas reconcílianse. Como afirmaba Nietzsche, «festexar é poder dicir: que todas as cousas sexan benvidas». Mediante a festa o ser humano rompe o ritmo monótono do cotián, fai un alto para respirar e vivir a alegría de estar xuntos en amizade e a satisfacción para comer e de beber. Na festa, o beber e o comer non teñen a finalidade práctica de quitar o fame ou a sede, senón de gozar do encontro e celebrar a amizade. Na festa, o tempo do reloxo non conta e ao ser humano élle dado, por un momento, vivenciar o tempo mítico dun mundo reconciliado consigo mesmo. Por iso, os inimigos e os descoñecidos son alleos ao núcleo da festa, pois esta supón orde e alegría, a bondade das persoas e das cousas. A música, o baile, a amabilidade e a roupa especial fan parte do mundo da festa. A través de tales elementos o ser humano transmite o seu si ao mundo que o rodea e a confianza na súa harmonía esencial.

Esta última confianza dá orixe ao sentido do humor. Ter humor é ter capacidade de percibir a discrepancia entre dúas realidades: entre os feitos brutos e o soño, entre as limitacións do sistema e o poder da fantasía creadora. No humor existe un sentimento de alivio ante as limitacións da existencia e ata das propias traxedias. O humor é sinal de transcendencia do ser humano que sempre pode ir máis aló de calquera situación na súa ser máis profundo e libre. Por iso pode sorrir e ter humor por encima das formas que o queren encadrar, da violencia coa que se pretende sometelo. Soamente quen é capaz de relativizar as cousas máis serias, aínda que as asuma dentro dun compromiso efectivo, pode ter bo humor.

O maior inimigo do humor é o fundamentalista e o dogmático. Ninguén viu sorrir a un terrorista ou esbozar un sorriso a un severo conservador cristián. Xeralmente son tan tristes que parecen que fosen ao seu propio enterro. Basta ver os seus rostros crispados. Non é raro que sexan reaccionarios e ata violentos. En última instancia, a esencia secreta do humor reside nunha actitude relixiosa, aínda que estea esquecida no mundo profano, pois o humor ve a insuficiencia de todas as cousas fronte á Realidade Última. O humor e a festa revelan que hai sempre unha reserva de sentido que aínda nos permite vivir e sorrir.

Sem comentários: