segunda-feira, abril 21, 2008

ANA MIRANDA FELICITA A FERNANDO LUGO POLO SEU TRIUNFO NAS ELECCIÓNS PRESIDENCIAIS EN PARAGUAI

Ana Miranda, membro do Consello Nacional do BNG e vicepresidenta da ALE, participou como observadora internacional nos comicios.

A voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, desprazada a Asunción como Observadora Internacional, convidada pola Corte Electoral de Paraguai, para as eleccións celebradas onte 20 de maio, felicitou o novo Presidente de Paraguai, Fernando Lugo polo seu triunfo. Un triunfo democrático sen precedentes na historia deste país pois todos os cambios gobernamentais en Paraguai sempre foron violentos. Despois de 61 anos de Goberno do oficialismo do Partido Colorado, o triunfo do bloque nacional paraguaio que representaba a Alianza Patriótica para el Cambio (APC), significa darlle voz a xente sen voz, dende unha perspectiva plural e nunha necesidade de cambio inminente. "Tivemos a ousadía de atrevernos en 8 meses, a gobernar este pais", afirman os seus portavoces. O BNG valora a madurez política do pobo paraguaio, que nunha xornada con numerosos incidentes previsíbeis e ameazas do partido no goberno, desenvolveuse finalmente de xeito tranquilo.

Ana Miranda pasou a xornada de observación na primeira hora da mañá en dous colexios electorais de Asunción, desprazándose posteriormente ao distrito de San Pedro, cidade de Capiiraby, a 300 Kms da capital, onde ten asentamento o Movemento Campesiño Paraguaio, encabezado polo seu líder, Belarmino Balbuena, candidato a senador.

Fernando Lugo agradeceu a presenza da solidariedade internacional, que considerou fundamental para internacionalizar a situación do Paraguay e para que non sexa só recoñecido pola corrupción, o contrabando, a devastación forestal e fumigación, a discriminación lingüística e a emigración masiva, senón tamén por este feito democrático que hoxe inicia unha mudanza política na historia deste pais cunha tráxica historia de guerras, sometemento e vulneración dos dereitos humanos.

Sem comentários: