segunda-feira, abril 21, 2008

ESCAPE DE CLORO EN GUALBA (BARCELONA)

Nota da APDR.

O Escape de cloro producido nas instalacións que a empresa Sociedad Española de Carburos Metálicos ten Gualba (Barcelona) evidencia o perigo que supoñen este tipo de instalacións situadas na proximidade de núcleos poboados. Os veciños tiveron que ser confinados nas súas vivendas para evitar que foran intoxicados por este elemento químico.

O cloro é un elemento altamente tóxico que en estado gasoso provoca fortes irritacións na pel, nos ollos e no sistema respiratorio, chegando a provocar graves lesións oculares, queimaduras inflamación de tecidos respiratorios e edema pulmonar.

Este feito, acontecido en Cataluña, pon de manifesto o perigo que para os cidadáns de Pontevedra e a súa bisbarra supón a existencia de ELNOSA. Feitos como os acontecidos en Gualba, debería facer reflexionar ao Conselleiro de Medio Ambiente que nestes momentos podería estar disposto a concederlle a autorización ambiental integrada a ELNOSA, para que esta siga realizando a súa actividade contaminante na Ría de Pontevedra.

No caso do complexo industrial ENCE-ELNOSA, hai que subliñar que non existe un plano de emerxencia coñecido pola cidadanía. Os cidadáns de Pontevedra descoñecen como terían que actuar si se producise un incidente do tipo do acontecido en Gualba ou outro de maiores dimensións.

Fai uns días puidemos asistir a un grotesco simulacro de simulacro de emerxencia nas instalacións de ENCE. A todas luces tratouse dunha nova tomadura de pelo aos pontevedreses e pontevedresas.

O Complexo ENCE-ELNOSA, non só contamina e arruína o posíbel desenvolvemento sostible da economía de Pontevedra e a súa bisbarra, senón que ademais é unha ameaza para a saúde e seguridade dos habitantes da bisbarra.

Una vez máis, comprobando o dano que as empresas do Complexo de Lourizán causan e poden causar ao medio ambiente e á economía e á seguridade dos cidadáns, esiximos ao Conselleiro de Medio Ambiente que non conceda a estas empresas a preceptiva Autorización Ambiental Integrada para que poidan continuar coa súa actividade.

Así mesmo, facemos un chamamento a todos os cidadáns de Pontevedra a participar na manifestación que terá lugar o vindeiro venres 25 de abril para esixir a saída de Lourizán do Complexo ENCE-ELNOSA.

Pontevedra, 21 de Abril de 2008

Asociación Pola Defensa da Ría

Sem comentários: