sexta-feira, abril 11, 2008

Folga nacional o 29 de Abril

Os Comités Abertos de Estudantes convocamos a todo o estudantado galego de medias a unha Folga nacional o 29 de Abril contra os atrancos económicos e académicos que imposibilitan un acceso igualitario ao ensino universitario, é dicir polo acceso libre á Universidade, contra a suba de taxas e a Selectividade. Sumándonos á folga dos nosos homólogos no ensino superior, os Comités Abertos da Escola e da Facultade.
Vemos a Selectividade como unha proba noxenta e cun nulo valor pedagóxico. É a maior perversión do actual sistema educativo galego, que se basea na simple adquisición de dados, en definitiva, un exercicio memorístico que imposibilita o afondamento nos coñecemento. Resulta paradoxal que unha vez verificados os coñecementos e obtido o título de Bacharelato, o estudantado ten que volver a expor todos os coñecementos legalmente recoñecidos e superados. É dicir, o estudantado xógase nun par de horas o xa superado co esforzo de varios anos.
Os diversos gobernos centrais en lugar de investir no ensino superior público, aumentando o número de prazas,decidiron tomar medidas que restrinxen aínda máis o acceso a este, polo que ademais da Selectividade, o Límite de Prazas constitúe unha traba a maiores á hora de acceder á Universidade, que pecha máis portas ao/ás estudantes á hora de elixir a súa carreira.
Tras ter superados todos estes obstáculos educativos, na Universidade chegan os atrancos económicos, facéndose notar no aumento progresivo durante os últimos seis anos das taxas educativas, subindo sempre por riba do IPC (2 puntos por riba do IPC galego e 1,6 do español). Temos unha Universidade cada vez máis cara e con menos e peores servizos. A Consellaría de Educación nunca puxo en cuestión que as taxas teñan que subir (incluso por riba do IPC) nin o mantemento excesivo dos recargos na 2ª, 3ª e 4ª matrícula.

Asinado:

Adrian R. Bravo
Secretario Xeral dos CAE

Sem comentários: