sexta-feira, março 28, 2008

O IGE presenta o seu PORTAL EDUCATIVO


Un novo apartado estatístico dirixido ao mundo escolar.

O obxectivo fundamental que alentou o desenvolvemento deste novo produto do IGE, o portal educativo, é a necesidade de que a estatística oficial sexa coñecida e empregada cada vez en maior medida. Para conseguir este maior coñecemento e utilización da estatística oficial, que mellor maneira que empezar polos máis novos, dentro do marco do seu proceso formativo.

No intento de acercar a actividade do IGE ao mundo escolar considerouse unha boa medida incluír un apartado específico na web do IGE, o portal educativo (
http://www.ige.eu/educacion), dirixido especialmente a alumnos de secundaria e bacharelato.

A hora de definir a súa estrutura, o criterio principal foi considerar ao profesorado como elemento central do portal, partindo da idea de que os alumnos utilizarano na medida en que o profesor llelo indique. Tratouse, polo tanto, de crear unha ferramenta útil e válida para o profesorado.

Polo tanto, o obxectivo particular do portal educativo é presentar unha serie de recursos didácticos que os profesores poden utilizar nas súas clases para o desenvolvemento didáctico das materias propias da estatística así como doutras materias que manexen conceptos estatísticos e datos da estatística pública, tales como economía e xeografía.

Os recursos que se mostrarán permitiranlle aos profesores traballar CON DATOS REAIS sobre o CONTORNO CERCANO e a realidade inmediata do estudante, intentado así evitar recorrer a datos irreais para realizar prácticas sobre os conceptos aprendidos.

No portal educativo pódese distinguir dous grandes bloques de contidos:

- Contidos de tipo didáctico, vinculados directamente aos currículos establecidos en educación secundaria e bacharelato
- Contidos xerais ou de tipo divulgativos, tales como representacións gráficas, estatística recreativa ou conceptos habitualmente manexados na estatística pública.

Contidos de tipo didáctico
Á hora de determinar os contidos de tipo didáctico que se ían a incluír no portal examináronse os escritos normativos nos que se establecen os currículos das materias na nosa comunidade.

O obxectivo deste primeiro análise era detectar tanto as materias con contido estritamente estatístico, como aquelas outras que, sen pertencer estritamente á área de estatística, desenvolven contidos relacionados estreitamente coa estatística oficial ou utilizan datos aportados por ela. Tras a análise dos currículos de secundaria e bacharelato, decidiuse estruturar os contidos en tres grandes áreas: economía, estatística e xeografía.

Os contidos ligados a cada área de coñecemento desagregáronse en temas ou unidades didácticas, as cales se dividiron en tres bloques: conceptos teóricos, actividades e exercicios.

Conceptos teóricos: nesta sección realízase unha exposición teórica do tema, facendo especial fincapé nas definicións básicas e con pequenos exemplos realizados con datos reais dispoñibles no instituto, de xeito que faciliten a compresión dos conceptos teóricos.

Actividades: elabóranse como amplos exercicios resoltos que recorren os diferentes conceptos abordados na parte teórica mediante a súa aplicación a algún exemplo real e cotiá.

Exercicios: para cada tema ofrécese unha batería de exercicios, adaptado ao tipo de problemas utilizado na ensinanza aos datos ofrecidos na páxina web do IGE. Ademais para que os datos dos exercicios non queden obsoletos ao largo do tempo, na maioría dos casos utilízanse formularios que permiten realizar a descarga ou o acceso aos últimos datos publicados.

Contidos xerais ou de carácter transversal
O portal educativo recolle un bloque de contidos xerais non vinculados a ningunha materia en concreto e que se articulan nos seguintes apartados: Representacións gráficas, Estatística recreativa, Conceptos da estatística pública e Historia da estatística

Sem comentários: