segunda-feira, abril 14, 2008

Xuízos rápidos por resistencia á autoridade: un novo “método preventivo” para os Corpos de Seguranza contra as denuncias por violencia policial

Nos últimos tempos estase rexistrando un incremento no número de casos de xuízos rápidos por atentar contra a autoridade no noso país. Esta mesma semana tiñamos coñecemento a través da prensa de que un traballador dunha empresa de Nostián veuse sometido a un destes xuízos acusado de falta de respecto á autoridade. Non obstante, o xulgado coruñés de Instrución número 2 vén de comunicar o inicio de dilixencias contra tres axentes da policía por, supostamente, ter producido lesións a o empregado. Este feito, que podería parecer illado, dáse con máis frecuencia da desexada no marco dunha política por parte da Delegación do Goberno, na que prima o uso da forza e a coerción fronte a calquera tipo de mobilización social.
Os xuízos rápidos poderían terse convertido no “método preventivo” para a defensa dos Corpos e Forzas de Seguranza do Estado fronte a posibles denuncias por extralimitacións nas súas funcións. Nestes procesos, que se poden desenvolver en tan só uns poucos días, os propios denunciantes actúan como proba do sucedido, xa que o testemuño dos axentes resulta proba. Deste xeito, cidadáns que foron lesionados por policías e gardas civís durante cargas e actos de violencia arbitraria, atópanse cunha sentenza que lles obriga a abonar unha indemnización precisamente ás persoas que o agrediron. O paradoxal do asunto está en que estes cidadáns que sufriron a violencia policial e deciden presentar unha denuncia contra membros das Forzas de Seguranza acoden aos Xulgados tendo unha condena por resistencia a autoridade, un feito que resta “credibilidade” á testificación do denunciante.
Nos últimos meses, varias persoas se dirixiron a Dereitos Civís para darnos a coñecer casos similares, no que a denuncia por parte dalgún axente estivo motivada, ben por unha detención ilegal, ben por unha actuación incorrecta ou o uso gratuíto da forza. Nestas circunstancias, os policías non tiveron reparos en terxiversar a realidade dos feitos e achegar probas feitas a posteriori, tais como os atestados nos que se xustifica a súa conduta acusando aos cidadáns de resistencia á autoridade. Deste xeito, aseguran ter unha sentenza farovable antes de que o cidadán ao que se lle vulneraron os seus dereitos poida formular a súa propia denuncia.

Sem comentários: