segunda-feira, julho 21, 2008

Discriminación sanitaria do Courel

Dirixido á Xunta de Galicia

As asocicaións: “ Fonte do Milagro ”; “ O Courel ”; “ Serra do Caurel ” e “ SOS Courel ”, queren poñer de manifesto:

A grave discriminación sanitaria do Courel


O artigo 130.2 da Constitución Española no título VII (Economía e Facenda) obriga:

Co mesmo fin, dispensarase un tratamento especial ás zonas de montaña.

A pesares desta obriga e só por aforrar, a Xunta de Galicia no ano 2002, eliminou as gardas médicas nocturnas no concello do Courel, quedando sen asistencia, dende as 10 da noite ata as 8 da mañá do día seguinte.

Consecuencias:

1 - Os veciños e veciñas tardan en ser conducidos ata o hospital máis próximo, dende que activan o servicio de emerxencias, máis de tres horas.

2 - O Courel queda illado por a neve varias veces ao ano. Como normalmente comeza a nevar por a noite, queda tamén sen médico.

3.- Por absurdos protocolos asistenciais, as ambulancias deben dirixirse e parar primeiro no Centro Médico de Quiroga, que ten os mesmos medios materiais que o do Courel. A Xunta de Galicia sabe perfectamente que dende o Courel, sen facer este rodeo por Quiroga, os veciños e veciñas poden gañar máis de unha hora para chegar a Lugo por autovía, ou a Monforte por unha estrada directa.

4.- A falta dun servicio sanitario axeitado e próximo, é unha das causas do despoboamento dramático e terminal que están a vivir as zonas de montaña da Galiza.


Os 65 representantes dos veciños e veciñas do Courel que no mes de marzo deste ano visitaron o Parque Natural de Somiedo, puideron comprobar entre outras moitas excelencias asistenciais, a presencia de médicos e enfermeiros no Concello durante as 24 horas.
http://bitacoradocaurel.blogspot.es/1206830280/


Para máis xustificación, en xaneiro do 2008 entrou en vigor a LEI 45/2007, de 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural, de obrigado cumprimento por as comunidades autónomas e demais administracións onde se contemplan extraordinarias “marabillas” para o Courel, así no seu artigo 30 di:

Sanidade. Para facilitar o acceso da poboación rural a uns servizos públicos sanitarios de calidade, o Programa poderá establecer medidas que persigan: a) A mellora da sanidade, en particular da Atención Primaria, singularmente nas zonas rurais prioritarias, que permita asegurar uns servizos sanitarios básicos de proximidade en cada zona rural. a) A posta a disposición dos profesionais do Sistema Nacional de Saúde, que exercen no medio rural, das máis modernas tecnoloxías e medios e, en particular, da telemedicina. b) A mellora do acceso dos cidadáns que residen no medio rural a unha atención sanitaria especializada de calidade, prestando unha atención singular ás urxencias médicas.

Así mesmo, según esta mesma Lei o Courel pasará a ser zona rural prioritaria, tal e como dispón no seu artigo 10:

- A) Por ser unha zona “... con escasa densidade de poboación, elevada significación da actividade agraria, baixos niveis de renda e un importante illamento xeográfico ou dificultades de vertebración territorial..”

- B) Por ser unha das “....áreas integradas na Rede Natura 2000”
http://www.mapa.es/desarrollo/pags/ley/ley_desrural_14_12_07.pdf

Por todo o antedito, as Asociacións asinantes esiximos á Xunta de Galicia a devolución inmediata da asistencia sanitaria e de urxencias permanentes ao noso Concello, para salvagardar a saúde e a seguridade dos veciños e veciñas; e desexamos que isto non derive nun longo e inútil debate.

Saúdos

SOS Courel, 21 de xullo de 2008

607 22 58 87
soscourel@mundo-r.com

Sem comentários: