terça-feira, julho 29, 2008

En Galiza para as mulleres non é posible a conciliación da vida laboral

No ano 2007 o 43,7% das mulleres ocupadas galegas considera difícil ou moi difícil conciliar a vida laboral e familiar.
Conciliación laboral e familiar

Segundo os datos da “Enquisa de condicións de vida das familias. Condicións no traballo” realizada polo Instituto Galego de Estatística, no ano 2007 o 43,7% das mulleres ocupadas galegas considera difícil ou moi difícil conciliar a vida familiar e laboral. No caso dos homes, esta porcentaxe sitúase no 39,7%. Por provincias, A Coruña e Pontevedra acadan valores superiores á media mentres que Lugo e Ourense se sitúan por debaixo da media galega.

Se se teñen en conta os ocupados con fillos menores de 16 anos, a porcentaxe de ocupados que consideran difícil ou moi difícil compaxinar a vida familiar e laboral sitúase no 55,5%.

A situación laboral condiciónalles ou condicionoulles a un 22,5% das mulleres ocupadas a súa maternidade e a un 17,0% dos homes a súa paternidade. Se se teñen en conta o conxunto dos ocupados galegos, a principal razón que condiciona a maternidade/paternidade é o salario insuficiente, seguido do horario incompatible co coidado dos nenos. Por outra parte, preto do 60% dos asalariados consideran que no seu traballo non se preocupan suficientemente dos traballadores con cargas familiares, esta porcentaxe no ano 2001 estaba arredor do 63%.

Condicións no traballo

No ano 2007 máis da metade dos ocupados galegos traballaban preto da casa, a menos de 5 quilómetros. Por provincias, as porcentaxes máis altas danse en Lugo e Ourense, cun 61,4% e 60,3% de ocupados que viven a menos desta distancia. Por outra banda, a proximidade ao traballo aumenta coa idade dos ocupados, así tres de cada catro ocupados de 60 e máis anos teñen o traballo a menos de 5 quilómetros, mentres que esta porcentaxe se sitúa no 48,0% para os ocupados de 16 a 29 anos.

A duración media do traxecto do domicilio ao lugar de traballo é de menos de 15 minutos e o principal medio de transporte para acudir a traballar é o coche. Dende o ano 2001 ao ano 2007 a porcentaxe de ocupados que utilizan só o coche incrementouse en case oito puntos porcentuais.

Un 8,8% dos ocupados utiliza no seu traballo un idioma distinto do galego ou castelán. Esta porcentaxe incrementouse dende o ano 2001, ano no cal se situaba no 6,8%. O idioma máis usado é o inglés nun 75,7% destes ocupados.

No referente aos horarios especiais, máis da cuarta parte dos ocupados traballa sempre os sábados, mentres que o 12,7% traballan todos os domingos. Por outra banda, o 5,6% traballaba sempre en xornada nocturna no ano 2007 e un 18,0% traballaba ocasionalmente pola noite. Por sexo, apréciase unha maior porcentaxe de homes que de mulleres que traballan pola noite.

Satisfacción co traballo e as súas condicións

No ano 2007 o 93,4% dos ocupados galegos estaban satisfeitos ou moi satisfeitos co traballo. Entre as principais razóns de satisfacción dos ocupados moi satisfeitos co traballo están “Gústalle o traballo” e “Estabilidade laboral”.

No referente á satisfacción coas condicións de traballo, máis de tres de cada catro ocupados galegos afirman estar satisfeitos ou moi satisfeitos, acadándose a porcentaxe de preto do 90% cando os ocupados son empresarios ou profesionais con empregados. Estas porcentaxes incrementáronse dende o ano 2001.

Nunha escala de 1 a 10, o nivel de satisfacción medio co traballo dos ocupados galegos situouse no 7,1 no ano 2007. Este nivel de satisfacción é máis alto entre os ocupados do sector servizos e, territorialmente, nas provincias da Coruña e Ourense.

Poden atopar máis información en:

Sem comentários: