quinta-feira, julho 17, 2008

Manolito e as esencias

O Trasno
Daniel López Muñoz / IRIMIA Nº 770



Foi unha operación como a de Perejil, pero con máis tralla. As brigadas dinamiteiras do goberno central dispuxéronse a executar o operativo de derrube do monolito das Cíes con sixilo, contundencia e eficacia. E xusto o último día no que poderían facelo, horas antes de que se consumase a transferencia efectiva do parque natural das Illas Atlánticas –isto é, galegas– a Galicia, cousa que por absurda que pareza, aínda non se levara a cabo.

Así procederon. As unidades operativas especiais desembarcaron cerca do obxectivo. Un amplo operativo de reforzo da operación capitaneado por forzas navais especiais da garda civil encargouse de peitear a acordoar a zona, os expertos dinamiteiros, encomendados pola ministra Espinosa para esta operación secreta, tras laboriosos cálculos, colocan os explosivos. Os campistas aceptaron o toque de queda e miraron –clandestinos– o despregamento.

E, boom! O esperado estoupo e o monolito, que queda ferido pero en pé. Risas no público. Un mando da guarda civil que se autoenterra na duna, o responsable da operación que non sabe onde meterse, máis risas por terra, mar e aire e na prensa do día despois.

Así que tivo que ser o poderiño galego o que fixese contas coa historia e rematase a operación “rayo justiciero”, que a administración central-e-tan-distante foi incapaz de rematar. Todo un símbolo máis, parecido nos seus efectos terapéuticos a aquela, impagable, inmellorable, andaluza cañí, botadura da carabela na Expo de Sevilla, a que se foi a pique en vinte segundos para estupor das autoridades inaugurantes e rexouba do mundo en xeral.

En fin, adeus monolito. Ou manolito, como lle explicaba a un turista, xa van alá trinta e tantos anos, aquel vello medio-habitante das Cíes, campista dos tempos heroicos: “Tamén poden ir ao Manolito. Bueno, é un menhir, pero nós chamámoslle Manolito”. Pois iso, que a algúns non nos preocupaba tanto o “Manolito”, surrealista e fálico, faro sen luz, espido xa de placas e escudos,... coma outras cousas. Certamente daquela facíase patria de todo coa roupaxe do nacional-catolicismo. Hoxe, vestidos de nacional-consumismo, derrubamos manolitos para xustificarnos, mentres promovemos o novo delirio, cun señor que xoga ao fútbol berrando “arriba España”, unha praza de Colón inzada de bandeiras con aguias e un grupo Prisa recuperando as esencias da “una, grande y libre”.

Sem comentários: