sábado, agosto 02, 2008

Economía de revolución?


Nas negociacións da rolda de Doha sobre comercio internacional notouse algo cruel. Mentres os países ricos negábanse a diminuír os subsidios agrícolas e a modificar outras liñas da axenda comercial para preservar o seu alto nivel de consumo, outros loitaban, desesperadamente, para garantir a supervivencia dos seus pobos. A visión dos países opulentos é miope, pois xa está instalada a crise alimentaria, posiblemente de longa duración, que pode afectalos a eles, pero moito máis a millóns e millóns de persoas, que se enfrontan non á pobreza senón directamente á morte. Xa estalaron revoltas de famentos en corenta países sen que a prensa empresarial, comprometida coa orde imperante, faga referencia algunha. Os famentos sempre dan medo.

A crise alimentaria, asociada aos trastornos provenientes dos cambios climáticos, é de tal envergadura que nos está permitido falar da urxencia dunha revolución. Esta foi a palabra usada o día 2 de febreiro de 2007 en París polo ex-presidente francés Chirac ao oír os resultados alarmantes sobre o arrequecemento planetario. Advertía que, ante a situación actual, debemos tomar a palabra revolución no seu sentido máis literal. É urxente facer cambios radicais nas formas de produción e de consumo se queremos salvarnos e preservar a vida no noso Planeta. Esta vez non podemos facer economía de revolución. Hai que levala a cabo xa agora.

Evidentemente non se trata de revolución no sentido de utilizar a violencia, senón co sentido que lle deu o noso historiador Caio Prado Junior: «transformacións capaces de estruturar a vida de todo un sistema social de maneira que se corresponda coas necesidades máis profundas e xenerais das súas poboacións, algo que confire un novo rumbo ás vidas humanas».

Pois iso é o que se está impondo a nivel mundial. A Organización Mundial do Comercio, o Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional e a maioría dos gobernos implantaron un tipo de industrialización da agricultura coa liberalización dos mercados que se rexen pola competición e pola especulación, que acabaron por afectar á soberanía alimentaria da maioría dos países do mundo. É unha ilusión pensar que os que produciron a crise, teñen a chave da súa solución. Eles propoñen máis do mesmo: máis produción, máis fertilizantes, máis produtos xeneticamente modificados, máis mercado non para saciar a fame senón para facer máis diñeiro. Ningún pensa en colocar máis diñeiro nas mans dos famentos para que poidan comprar comida e sobrevivir. Poden morrer de fame diante dunha mesa repleta á cal non teñen acceso.

A solución atópase nas mans daqueles que no mundo enteiro garanten gran parte da subministración alimentaria: a agricultura familiar e as pequenas cooperativas populares. A agricultura familiar en Brasil representa o 70% dos alimentos que chegan á mesa. É responsable do 67% dos feixós, do 89% da mandioca, do 70% dos polos, do 60% dos porcos, do 56% dos lácteos, do 69% da leituga e do 75% da cebola. Estes pequenos agricultores, articulados entre si e tamén a nivel internacional, deben formular as políticas de produción, privilexiar os mercados locais e rexionais, e manter baixo vixilancia os mercados mundiais, para inhibir a especulación e impedir a formación de oligopolios.

Este tipo de agricultura aproveita os coñecementos ancestrais, sabe preservar os chans e enriquecer a súa fertilidade con nutrientes naturais. Brasil, á beira do agronegocio, ten que privilexiar a agricultura familiar, pois ela ten condicións para garantir a nosa soberanía alimentaria e ser a mesa posta para o fame do mundo enteiro.

Sem comentários: