quinta-feira, setembro 04, 2008

Xuntanza

REUNIRSE NO NOME DE XESÚS

José Antonio Pagola. / Donostia.(Guipúscoa).


A destrución do templo de Xerusalén o ano 70 provocou unha profunda crise no pobo xudeu. O templo era «a casa de Deus». Desde alí reinaba impondo a súa lei. Destruído o templo, onde poderían atoparse agora coa súa presenza salvadora?

Os rabinos reaccionaron buscando a Deus nas reunións que facían para estudar a Lei. O soado Rabbi Ananías, morto cara ao ano 135, afirmábao claramente: «Onde dous se reúnen para estudar as palabras da Lei, a presenza de Deus (a «Shekiná») está con eles.

Os seguidores de Xesús provenientes do xudaísmo non reaccionaron de xeito moi diferente. Mateo recorda aos seus lectores unhas palabras que atribúe a Xesús e que son de gran importancia para manter viva a súa presenza entre os seus seguidores: «Onde dous ou tres están reunidos no meu nome, alí estou eu no medio de eles».

Non é unha reunión que se fai por costume, por disciplina ou por submisión a un precepto. A atmosfera deste encontro é outra cousa. Son seguidores de Xesús que “se reúnen no seu nome”, atraídos por el, animados polo seu espírito. Xesús é a razón, a fonte, o alento, a vida dese encontro. Alí faise presente Xesús, o resucitado.

Non é ningún segredo que a reunión dominical dos cristiáns está en crise profunda. A non poucos a misa fáiselles insufrible. Xa non teñen paciencia para asistir a un acto no que se lles escapa o sentido dos símbolos e onde non sempre escoitan palabras que toquen a realidade das súas vidas.

Algúns só coñecen misas reducidas a un acto gregario, regulado e dirixido polos eclesiásticos, onde o pobo permanece pasivo, encerrado no seu silencio ou nas súas respostas mecánicas, sen poder sintonizar cunha linguaxe cuxo contido non sempre entenden. É isto «reunirse no nome do Señor»?

Como é posible que a reunión dominical váiase perdendo coma se non pasase nada? Non é a Eucaristía o centro do cristianismo? Como é que a Xerarquía prefira non exporse nada, non cambiar nada? Como é que os cristiáns permanecemos calados? Por que tanta pasividade e falta de reacción? Onde suscitará o Espírito encontros de dous ou tres que nos ensinen a reunirnos no nome de Xesús?

http://eclesalia.blogia.com/2008/090301-reunion.php

Sem comentários: