domingo, dezembro 14, 2008

Buscando un home ou unha muller.

Lia hoxe nun xornal español unha entrevista ao histórico fundador de CC.OO. Marcelino Camacho.

Aos seus 91 anos de idade, vive nun piso de 60 m2 no barrio de Carabanchel en Madrid, o mesmo piso que mercara no ano 1960. Conviven el e a súa compañeira dos últimos 60 anos, Josefina, con unha pensión que entre os dous suman 1500 €.

Toda unha vida adicada a loita sindical e non sacou proveito ningún...

Ningún? Non é certo, a verdade e que sacou moito proveito. Finara coa conciencia limpa, moi limpa. Loitou polos seus ideais e traballou para os demais e nunca parou nin un momento para pensar en sacar proveito propio e persoal ao seu “status”.

Hoxe en día isto que refiro é o extraordinario, pois estamos xa afeitos a que os cargos públicos, políticos e sindicais, lúcrense persoalmente dándolle prioridade aos seus propios intereses que aos intereses dos demais ou incluso mais grave aínda antepoñéndoo incluso a súa propia convicción persoal.

Moitos poderían afirmar que unha cousa e falar e criticar dende fora e outra ben distinta é cando estas no “cargo”, pois a realidade e ben distinta e “teste que acomodar a situación”. Parvadas. Isto mesmo dáse en políticos, sindicalista e cargos públicos de perfil baixo ou moi baixo.

“Loitarei politicamente e -amagarei- ata conseguir un carguiño, pois teño unha hipoteca que pagar...” Este país esta cheo de xente que así pensa e con esa canteira pouco imos progresar. Podería dar nomes propios a fartar e lembrar exemplos de persoas que enfrontáronse ao sistema establecido e ao “oficialismo” con gran ardor e levando tras de si moita xente que confiaron nelas, pero que as primeiras de cambio e por moito menos que trinta moedas deixaron a todo dios na fochanca. E agora sonche xente “ilustre” e están rodeados dunha pequena camarilla de perfil moito mais baixo aínda que os gaba constantemente. No seu foro interno pensan: “Que se jodan, eu teño que buscarme a vida”, “calquera na miña situación faría o mesmo”.

E así queremos facer un país... Eu, coma Dióxenes, busco a plena luz do día cun farol na man, por todo o país un home ou unha muller.

Fernando R. Dacosta.

1 comentário:

Colectivo Galiza-Israel disse...

Enorme post. Deprimente como a vida (política) mesma. Alégrome da volta de GS. Botábamolo en falta.