segunda-feira, dezembro 08, 2008

POBRE SISTEMA FINANCEIRO


Pedro Pedrouzo agasállanos con este interesante artigo, por claro e para todos os públicos, sobre a tan traída e lavada crise. Cómpre lelo para comprender.

Os antisistema pasean polas rúas cun sorriso dificilmente disimulado: o sistema fixo auga. Os neoliberais de sempre piden a intervención do Estado. Os socialdemócratas alíanse cos financieros. E a esquerda está desaparecida. Todo o mundo coincide coa estratexia do mal menor. A xente pregúntase  por que chegamos aquí e quen pagará a crise. 

Pedro Pedrouzo Devesa / Irimia nº 777

Tonto o último   

O que máis excita á maioría da humanidade é poder gañar cartos sen facer nada. Como se consegue iso? Unha forma é nadar entre os bancos. En principio, todos acudimos cos nosos aforros a eles para que nos dean algo por eles. Un mesmo banco ofrécenos moitas formas diversas de aforrar: cunhas temos a seguridade de non perder nada, pero gañamos pouco; con outras ofrécennos moito, pero co risco de perder se as cousas van mal. A conversa vén ser algo así:
      - Que desexa, querido cliente: liquidez ou rendibilidade?
      - Todo
      - Pois está no banco acaído, aquí garantímoslle os seus depósitos e dámoslle uns xuros de cento %
      - Pero na competencia dannos cento un %
      - Nós podemos ofrecerlle cento dous %, pero pode haber problemas se baixa a bolsa, cousa improbable, por non dicir imposible. Mire a súa evolución nos últimos anos (móstrannos unha gráfica ascendente que parece unha etapa pirenaica do Tour de Francia)
      -  De acordo –dicimos encantados.
      - Outra posibilidade é comprar accións de “Especuladora asociados” que agora están moi baixas, pero seguro que soben e logo, cando vendan con zumentas plusvalías, negocio redondo.
      -Esa, esa esa é a que nos gusta. Gañar sen facer nada. Trato feito.  

Todos queremos máis
  
Cando imos a un banco buscando exclusivamente xuros altos, entre todos imos creando unha bóla de neve. É dicir, encargamos ás entidades que fagan operacións arriscadas que, se saen ben poden ser marabillosas, pero nas que se corren riscos. Por que se corren riscos? Porque a forma que teñen os bancos de pagarnos xuros polos nosos aforros é prestar a súa vez eses cartos a outras entidades ou a empresas que os van investir en diferentes proxectos: desde construír un edificio, ata comprar hoxe o trigo que produza Ucrania en 2012. Os bancos son os intermediarios que canalizan os cartos dos aforradores aos investidores (construtores neste caso) que os fan traballar para pagarnos os xuros. Con que nos pagan? Ao construtor págaselle coa hipoteca que o comprador do piso subscribiu, e ao banco propietario da hipoteca págalle cada mes o comprador do piso.
 
Pero, que pasa se o banco que lle fixo a hipoteca ao comprador necesita diñeiro e non pode esperar ao pagamento mensual de Facundo, o comprador? Que fai? Pois vendela por algo menos do que ía cobrar, a outro banco con menos problemas de liquidez, que a súa vez pode volver vendela no futuro. Todo funciona ben se o banco que concedeu a hipoteca fixo ben o seu traballo e non lla concedeu a un inconsciente que non distingue un traballo fixo dun temporal e pensa que os salarios son eternos e nunca baixan. Se se xunta un destes cun banqueiro sen escrúpulos que vende rapidamente a hipoteca a outro banco, o problema xa está montado. Xa anda por aí un activo (unha hipoteca) que non vale un real e que irá de man en man ata que o inconsciente quede sen traballo, non poida pagar a hipoteca, e haxa que embargarlle o piso para pagar a débeda (cousa que pode non ser doado), de tal forma que lle estoupe na cara ao banco incauto que non tivo tempo de desfacerse dela, a hipoteca.
  
Todo ten un límite   

Un sistema financeiro (aforradores + bancos + investidores) pode funcionar ben, sempre que o número de desvergoñados e inconscientes non exceda da chamada soleira ecolóxica. A partir desa cantidade os danos son irreparables: o sistema non é que non funcione, é que non dá absorbido máis lixo: exactamente igual acontece coa contaminación dunha ría, chea da merda que botamos directamente sen ser tratada polas redes de saneamento: metade de Galicia está sen elas, pero impórtanos un nabo. Xa o tragará a terra. O ecosistema de Galicia é coma o sistema financeiro, chegado un momento fará pum!

Pois iso foi o que pasou. O sistema fixo pum. E agora toca limpar toda a merda que anda espallada oculta en miles de activos que supostamente valían algo, pero que non é así. É como se parte do patrimonio dos bancos foran caixas que compraron por 100 euros e ao abrila resulta que só teñen 5. Isto supón serios problemas para calquera banco, é evidente. Pero todos  podemos preguntar:
  
Onde foron parar todos eses cartos?  
 
A resposta é: a ningún sitio, porque en ningún sitio estaban. Eran algo parecido a unha ilusión coa que vivimos moitos anos. Os cartos que hai agora son os mesmos que había hai ano e medio, minto, sen ningún tipo de dúbida hai máis cartos agora, pero entre todos os cidadáns temos menos cartos. Como é posible isto? A explicación está no chamado multiplicador monetario. E consiste en que para que unha sociedade gaste 100 euros, só necesita fabricar billetes por valor de 60 euros. Os outros 40 euros fabrícaos o sistema bancario mediante a concesión de préstamos, prestámonos os nosos cartos, e cos mesmos billetes facemos máis cousas. Eu deposito 20 euros no banco. 18 deles son prestados polo banco aos seus clientes. Os clientes aforran 2 e gastan 16. Os que reciben eses 16, aforran 14 e gastan 2, e así ata aburrirnos. Se sumamos todos os cartos que dicimos ter nos bancos temos 20+2+14=36 euros. De 20 euros o sistema financeiro produciu 36 euros, existen? Si, se o cremos; non, se os imos buscar de golpe. O multiplicador monetario axúdanos a entender o importante labor que ten o sistema financeiro na creación de riqueza nunha sociedade. O problema vén cando os bancos recortan os préstamos e os fan inalcanzables para os cidadáns. Non cren que llelos vaian devolver. Imaxinemos que o banco no que depositamos 20 euros non concede créditos. A sociedade en vez de ter 36 euros, agora só ten 20, nin fabricando billetes por valor de 10 euros máis (habería 30 euros), chegamos ao nivel de antes. Ese é o problema co que nos encontramos. Non é que haxa menos cartos, é que non rulan porque os bancos non poden distinguir entre os activos (por exemplo: unha hipoteca) que valen e os que non. Os bancos non se atreven a comprar caixas que poden estar baleiras: aínda hai demasiadas circulando por aí.   

Que facer?

Sen sistema financeiro non hai economía que funcione. Arranxar os enormes estragos que lle creamos durante os últimos quince anos require un conxunto de medidas diversas, unhas que arranxen o urxente (os parches) para ir tirando estes meses, e outras que arraxen o importante (o motor) para non repetir erros no futuro, polo menos nos vindeiros vinte anos. Pensaremos sobre as medidas que cómpren no seguinte número.

1 comentário:

Adycto disse...

E a pregunta é, para cando sairemos da manida crise? durará todo o ano 2009? moito máis? cando se notará a recuperación? por qué os economistas e especialistas en modelos económicos so son capaces de explicar ben o pasado e nunca o futuro?

Excelente artigo, por certo.