quarta-feira, dezembro 17, 2008

A superioridade do capitalismo

Que é unha crise capitalista?

Vexamos en primeiro lugar o que non é unha crise capitalista.

Que haxa 950 millóns de famentos en todo o mundo, iso non é unha crise capitalista.

Que haxa 4.750 millóns de pobres en todo o mundo, iso non é unha crise capitalista.

Que haxa 1.000 millóns de desempregados en todo o mundo, iso non é unha crise capitalista.

Que máis do 50% da poboación mundial activa estea subempregada ou traballe en precario, iso non é unha crise capitalista.

Que o 45% da poboación mundial non teña acceso directo a auga potable, iso non é unha crise capitalista.

Que 3.000 millóns de persoas carezan de acceso a servizos sanitarios mínimos, iso non é unha crise capitalista.

Que 113 millóns de nenos non teñan acceso a educación e 875 millóns de adultos sigan sendo analfabetos, iso non é unha crise capitalista.

Que 12 millóns de nenos morran todos os anos por mor de enfermidades curables, iso non é unha crise capitalista.

Que 13 millóns de persoas morran cada ano no mundo debido á deterioración do medio ambiente e ao cambio climático, iso non é unha crise capitalista.

Que 16.306 especies estean en perigo de extinción, entre elas a cuarta parte dos mamíferos, non é unha crise capitalista.

Todo isto ocorría antes da crise. Que é, pois, unha crise capitalista? Cando empeza unha crise capitalista?

Falamos de crise capitalista cando matar de fame a 950 millóns de persoas, manter na pobreza a 4.700 millóns, condenar ao desemprego ou a precariedade ao 80% do planeta, deixar sen auga 
ao 45% da poboación mundial e ao 50% sen servizos sanitarios, derreter os polos, denegar auxilio aos nenos e acabar coas árbores e os osos, xa non é suficientemente rendible para 1.000 empresas multinacionais e 2.500.000 de millonarios.


Por que o capitalismo é “superior”?

O que demostra a superior eficacia e resistencia do capitalismo é que todas estas calamidades humanas -que invalidarían calquera outro sistema económico- non afectan á súa credibilidade nin lle impiden seguir funcionando a pleno rendemento. É precisamente a súa indiferenza mecánica a que o volve natural, invulnerable, imprescindible. O socialismo non sobreviviría a este desprezo 
polo ser humano, como non sobreviviu na Unión Soviética, porque está pensado precisamente para satisfacer as súas necesidades; o capitalismo sobrevive e ata se robustece coas desgrazas humanas porque non está pensado para alivialas. Ningún outro sistema histórico produciu máis riqueza, ningún outro sistema histórico produciu máis destrución. Basta considerar en paralelo estas dúas liñas -a da riqueza e a da destrución- para ponderar todo o seu valor e toda a súa magnificencia. Esta dobre tarefa, que é a súa, faia mellor ca ninguén e nese sentido o seu triunfo é inapelable: que haxa cada vez máis alimentos e cada vez máis fame, máis medicamentos e máis enfermos, máis casas baleiras e máis familias sen teito, máis traballo e máis parados, máis libros e máis analfabetos, máis dereitos humanos e máis crimes contra a humanidade.

Por que temos que salvar iso? Por que ten que preocuparnos a crise? Por que nos convén atoparlle unha solución? As vellas metáforas do liberalismo reveláronse todas mentiras: a “man invisible” que harmonizaría os intereses privados e os colectivos conta moedas nunha cámara blindada, o “goteo” que irrigaría as capas máis baixas do subsolo apenas se é capaz de encher a cunca dunha man, o “ascensor” que baixaría cada vez máis de présa a rescatar xente da planta baixa quedouse coas portas abertas no piso máis alto. As solucións que propón, e aplicarán, os gobernantes do planeta aceptan, en calquera caso, a lóxica inmanente do beneficio ampliado como condición de supervivencia estrutural: privatización de fondos públicos, prolongación da xornada laboral, despedimento libre, diminución do gasto social, desgravación fiscal aos empresarios. É dicir, se as cousas non van ben é porque non van peor. É dicir, se non son rendibles 950 millóns de famentos, haberá que dobrar a cifra. O capitalismo consiste niso: antes da crise condena á pobreza a 4,700 millóns de seres humanos; en tempos de crises, para saír dela, só pode aumentar as taxas de ganancia aumentando o número das súas vítimas. Se se trata de salvar o capitalismo -coa súa enorme capacidade para producir riqueza privada con recursos públicos- debemos aceptar os sacrificios humanos, primeiro noutros países lonxe de nós, despois quizá tamén nos barrios veciños, despois ata na casa de en fronte, confiando en que a nosa conta bancaria, o noso posto de traballo, a nosa televisión e o noso ipod non entren no sorteo da superior eficacia capitalista. Os que temos algo podemos perdelo todo; convénnos, xa que logo, volver canto antes á normalidade anterior á crise, aos seus mortos en-outra-parte e aos seus desgraciados sen-ningunha-esperanza.


Un sistema ou un virus?

Un sistema que, cando non ten problemas, exclúe dunha vida digna á metade do planeta e que soluciona os que ten ameazando á outra metade, funciona, sen dúbida, perfectamente, grandiosamente, con recursos e forzas sen precedentes, pero se parece máis a un virus que a unha sociedade. Pode preocuparnos que o virus teña problemas para reproducirse ou podemos pensar, máis ben, que o virus é precisamente o noso problema. O problema non é a crise do capitalismo, non, senón o capitalismo mesmo. E o problema é que esta crise reveladora, potencialmente aproveitable para a emancipación, alcanza a unha poboación sen conciencia e a unha esquerda sen unha alternativa elaborada. Equivóquese ou non Wallerstein no seu prognóstico sobre o fin do capitalismo, ten razón, sen dúbida, no diagnóstico antropolóxico. Nun mundo con moitas armas e poucas ideas, con moito dor e pouca organización, con moito medo e pouco compromiso -o mundo que produciu o capitalismo- a barbarie ofrécese moito máis verosímil ca o socialismo.

Extracto do artigo publicado na revista cultural cubana “La Jiribilla” Nº 391.
Pódese atopar o artigo completo en: http://www.lajiribilla.cu/2008/n391_11/391_14.html 

Sem comentários: