terça-feira, março 03, 2009

Comunicado da Executiva Nacional de ESQUERDA NACIONALISTA



COMUNICADO DA EXECUTIVA DE ESQUERDA NACIONALISTA A TODA A MILITANCIA

No día de hoxe 2 de Marzo de 2009, reunida a comisión executiva de esquerda nacionalista en sesión ordinaria, tendo como ponto único da orde do día a avaliación do resultado electoral da convocatoria nacional celebrada no día onte, ésta decicidiu trasladar ao conxunto da militancia as seguintes conclusións que son o resultado da valoración feita:

PRIMEIRO.- A Executiva de Esquerda Nacionalista considera que o resultado colleitado polo BNG neste proceso electoral é un fracaso estrepitoso e absoluto, sobre todo si se ten en conta que eramos goberno, e que polo tanto se tiñan a disposición todos os resortes, loxísticos e económicos próprios de quen exerce o poder. Nen sequer o multimillonario investimento da campaña foi quen de paliar minimamente o rotundo fracaso.

SEGUNDO.- A xuizo de esta Executiva, as razóns de índole endóxena, que acarretaron estos nefastos resultados para o nacionalismo teñen a ver entre outras coas seguintes razóns:

- Ausencia, en xeral, de ideoloxia na práctica da acción de goberno limitándose en boa medida, a xestionar o herdado.

- Ausencia de participación da militancia propiciada desde a dirección da organización o que se traduciu nunha perfecta disfunción entre a militacia e a acción do goberno

- Reforma asemblear de consecuencias funestas para a convivencia interna da frente

- Existencia de un corpus de militantes asalariados limitados só a transmitir ordes, e que pouco ou nada aportaron a divulgación interna do traballo feito desde o goberno, a fornecer de argumentos á militancia para que ésta cumplirá o seu papel de testemuña de esa acción.

- Non saber comunicar á cidadanía os logros conseguidos nas distintas áreas gobernadas polo BNG, e as suas consecuencias para o país.
- Exceso de soberbia no exercicio do poder.

TERCEIRO.- A actual dirección do BNG ten sido advertida desde os albores da lexislatura, nomeadamente polos representantes de Esquerda Nacionalista nos órganos de goberno, dos perigos de este tipo de prácticas e do que isto podería acarretar. Constátase que sempre se fixo caso omiso de estos avisos.

CUARTO.- Os custos de perder o goberno, de defraudar a cidadanía en nome do nacionalismo,vai supor, a xuizo de esta Executiva, un trauma difícilmente superabel nun longo período, e consecuentamente a pérdida dunha formidabel oportunidade de levar ao BNG a ser a forza capaz de dirixir os destinos de Galiza como nazón.

QUINTO.- Para a Executiva de Esquerda Nacionalista o futuro pasa por comezar un proceso serio de rexeneración democrática interna. Este proceso ten que permitir necesariamente a participación de TODA a militancia. E preciso que sexa certo o eslogan de que todos e todas somos necesarios e necesarias.

SEXTO.- Como propostas concretas a actual dirección considera as dúas seguintes:

A convocatoria urxente dunha Asemblea Xeral Extraordinaria aberta a toda militancia

A dimisión do Portavoz Nacional entendendo que éste debe asumir en primeira persoa as responsabilidades derivadas dos nefastos resultados colleitados no dia de onte, e preservar de este xeito ao BNG das consecuencias dun proceso de desgaste que lastren a sua visualización como alternativa de goberno, que só será, como froito da preceptiva rexeneración democrática interna que reclamamos.

Este comunicado será distribuido entre toda a militancia e divulgado na páxina web do partido.

En Compostela a 2 de Marzo de 2009