quinta-feira, abril 30, 2009

Entrevista a Francisco Fernández del Riego

Paco del Riego (Lourenzá, 1913) é unha das figuras máis sobranceiras da cultura galega do século XX. Militou nas Mocidades Galeguistas, traballou pola continuidade do galeguismo durante o franquismo, foi fundador da Editorial Galaxia e achegou á nosa literatura obras fundamentais en tempos de escuridade. Foi el un dos tres académicos que propuxeron á Real Academia Galega instituír un Día das Letras Galegas en 1963. Aínda que con diferenzas, a súa é unha vida paralela a de Ramón Piñeiro, co que compartiu proxectos e traballos. Con esta entrevista iniciamos unha serie dedicada á vida e á obra de Piñeiro, o autor homenaxeado este ano.

Aldegunde Quiñones /Irimia nº787

Piñeiro consagrou a súa vida á reivindicación de Galicia 

Cal é a importancia de Ramón Piñeiro como escritor?

 Escribiu pouco. A obra máis destacada é Olladas no futuro, do ano 1974, no que recolle unha serie de traballos aparecidos en diversas publicacións. El era un crente na filosofía e escribiu obras filosóficas de reducida extensión -Significado metafísico da saudadeFilosofía da saudade, etc.- e tamén se dedicou a estudos de tipo lingüístico, por exemplo no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, A linguaxe e as linguas

Lembra vostede o Mitin das Arengas de 1925 no que tamén participou Piñeiro?
 

Pois si. O Mitin das Arengas celebrábase o 25 de xullo e participaban 20 persoas con intervencións breves duns cinco minutos. Falaron Otero Pedrayo, Castelao, Bóveda, Vilar Ponte, Suárez Picallo, Carballo Calero e tamén Piñeiro, que fora convidado por Pedrayo. 

Por que foi Ramón Piñeiro a París no ano 1946?
 

El era un home que, coma min, traballou na clandestinidade para resucitar o Partido Galeguista e el foi ata París representando as forzas clandestinas de oposición ao réxime franquista. Axudado polos vascos atravesou os Pireneos a pé e foi ata a capital francesa onde se puxo en contacto co goberno provisional da República no exilio e con membros do nacionalismo vasco e catalán para conseguir que Castelao formase parte daquel goberno, cousa que conseguiu. 

Para que se creou a editorial Galaxia?
 

Visto que a vía política non progresaba debido ás circunstancias internacionais pensamos en facer unha editora que se consagrase de xeito fundamental á edición de libros e crear conciencia galega no País. Así naceu no ano 1950 a editorial Galaxia, da que fomos ideadores e fundadores Xaime Illa Couto e mais eu. Logo sumouse máis xente, entre eles o propio Piñeiro, que foi nomeado director literario e como tal exerceu durante moitos anos. 

Que importancia tivo a mesa camilla de Piñeiro?
 

Moi grande: foi unha das súas mellores achegas a Galicia. El era un home que,en público, era pouco lucido, pouco brillante, pero en privado era moi ilustrativo e falaba moi ben. E os universitarios daquela época, que non coñecían nin a cultura, nin a lingua nin a historia de Galicia foron asistindo diariamente á mesa camilla da rúa Xelmírez de Santiago e alí el asesorábaos e formábaos. Así que as novas xeracións fóronse incorporando ao galeguismo a través das leccións que Piñeiro lles dispensaba naqueles momentos. 

Vostede e mais Piñeiro foron codirectores da revista Grial durante 25 anos. Que representou Grial para cultura galega?

Era unha das manifestacións de Galaxia e tiña os mesmos fins cá editorial. Era a única revista que existía no País e que chegaba a centros de cultura estranxeiros, ás universidades norteamericanas, italianas, francesas, alemás, etc. Recollía colaboracións de todo tipo sempre que tivesen unha dignidade e unha significación positiva. 

Que papel xogou Piñeiro como nexo entre a Galicia anterior e posterior á Guerra Civil?
 

Antes da Guerra pertenceu ás Mocidades Galeguistas de Lugo, pero tivo pouca significación nesa época. Ademais hai que ter en conta que era un rapaz moi novo aínda. O labor fundamental foi desenvolvido por el na posguerra: primeiro na clandestinidade política, despois na orde cultural e tamén mediante o contacto coas novas xeracións para endereitalas cara ao camiño de rexurdimento do País. 

Como definiría o piñeirismo? 

Á parte da formación galeguista el practicaba un xeito de oposición a determinadas ideas políticas e a xente nova é xente rebelde, e el non o era. Non era rebelde e non tiña un espírito novo e iso creou inimizade por parte dalgúns dos seus discípulos que deron en chamar ao que el representaba, piñeirismo. 

Como era Ramón Piñeiro do trato cotián? 

Era un home normal que facía, sobre todo, unha vida de traballo intelectual e que tiña grandes e bos amigos, con xente nova que o seguía no seu xeito de pensar. Pero era sobre todo un home de cultura. 

Que lle parece a vostede, que foi o creador do Día das Letras Galegas que se lle dedique a un compañeiro de tantos anos?
 

Pois paréceme oportuno. Hai moitos que o merecen pero el consagrou a súa vida á actividade intelectual e todo o seu esforzo á reivindicación de Galicia e creo que é merecente desta distinción.

Sem comentários: