sexta-feira, maio 29, 2009

Cousas que non comprendo.

Entre as cousas que non comprendo (recoñezo que cada día que pasa son mais ignorante), é a simplicidade argumental para descargar o noso odio sobre colectivos cunha absoluta xeneralización e polo tanto desbordante dunha enorme inxustiza. Exemplos temos moitos; aquí mesmo, na nosa casa, se escoitan a unha rapaza ou un rapaz falar galego, xa é etiquetado por algúns sectores da nosa sociedade coma un antiespañol. Por razóns lingüísticas, etiquetase xa a unha persoa politicamente. Non ten sentido. Mais isto ben por unha ignorancia cultural moi grande. Está claro que as políticas culturais seguidas polos distintos gobernos do estado español non foron en ningunha maneira acertadas no referente a realidade lingüística existente no estado. A realidade lingüística, limitárona cultural e exclusivamente ao ámbito no que se producía, xerando no resto do territorio do estado, un descoñecemento que leva ao rexeitamento. Si dende a transición, en tódolos centros de ensino do estado, dérase aínda que so fora unha hora a semana unha signatura de “linguas do estado”, seguramente os nenos e nenas de aquela, hoxe xa adultos, non sentirían maioritariamente o medo ao feito diferencial en cuestión lingüística. Está claro que canto mais cultura, menos odio e maior tolerancia.


Nos últimos días, tiven coñecemento doutro caso de criminalización por parte dun sector da sociedade contra un colectivo, polo simple feito de tratar de dar a coñecer súa propia cultura. Os “Minyons de Terrassa”, grupo “castellera” desa localidade catalá, foron convidados a participar no Festival de culturas mediterráneas na localidade de Akko en Israel, e déronllela oportunidade de mostrar unha parte da cultura de Catalunya ao pobo de Israel. Xa antes de producirse a actuación no Festival, sufriron un acoso sistemático por parte de determinados sectores da sociedade para impedir que puideran levar fora das súas fronteiras a súa cultura. Con todo, a cordura deste pequeno grupo “castellera” non os botou atrás e participaron no festival. Pero a presión continua contra eles. Agora xa é un feito que estas persoas, polo mero feito de trasladar a súa cultura, xa son antipalestinos (como mínimo). Estamos outra vez nas mesmas. É que o pobo de Israel é o seu goberno? Temos que catalogar e etiquetar a todo o pobo dunha nación polas decisións que adoptan os seus dirixentes? Acaso tódolos galegos somos galegofobos por ter un goberno que odia o galego. E por extensión, como este grupo “castellera” trasladou a súa cultura ao pobo de Israel, xa ten que coincidir politicamente coas teses do goberno de Israel? Se viñeran a Galiza serían galegofobos por ter nós aquí un goberno antigalego? Está claro que eu non entendo este tipo de criminalización.


Eu non comparto de ningunha maneira a política que desenvolve o goberno de Israel, pero non odio aos seus habitantes. Tampouco comparto de ningunha maneira a política dos dirixentes de Hamas, pero non odio aos palestinos. Nin compartía a política de Bush e iso non me impedía ver moitas bondades nas xentes dos Estados Unidos. Non comparto a política de Corea do Norte, pero non podo odiar aos pobres coreanos, xa teñen dabondo os pobres, como para ter que cargar co meu odio. Eu quixera poder coñecer mais a cultura palestina, coreana, israelí, catalá, norteamericana, tailandesa, australiana, etc.. O coñecemento de culturas distintas a miña so pode contribuír de forma positiva sobre a miña persoa.


Está claro que como diga que respecto politicamente os prantexamentos da esquerda abertzale, xa serei catalogado coma cómplice de ETA.


Fernando R. Dacosta

Sem comentários: