segunda-feira, maio 18, 2009

É merecente esta sociedade de sobrevivir?


O actual Presidente da Asemblea Xeral da ONU, Miguel d'Escoto Brockmann, ex-chanceler da Nicaragua sandinista, está dotando dun rostro novo á entidade. Creou grupos de estudo sobre os máis variados temas que interesan especialmente á humanidade sufrinte, como a cuestión da auga doce, a relación entre enerxías alternativas e a seguridade alimentaria, a cuestión mundial dos indíxenas e outros. O grupo tal vez máis significativo, que inclúe a grandes nomes da economía, como o premio Nóbel Joseph Stiglitz, é o que busca saídas colectivas para a crise económico-financeira.


Todos son conscientes de que os países do G-20, por importantes que sexan, non conseguen representar aos 172 países restantes, onde viven as principais vítimas das turbulencias actuais. D'Escoto pretende reunir os días 1, 2 e 3 de xuño deste ano na Asemblea da ONU a todos os xefes de estado dos 192 países membros para buscar xuntos camiños sostibles que sirvan a toda a humanidade e non soamente aos poderosos.

O máis importante, con todo, reside na atmosfera que creou, de diálogo aberto, de sentido de cooperación e de renuncia a toda violencia na solución dos problemas mundiais. O seu despacho está cuberto coas iconas que inspiran a súa vida e a súa práctica: Xesús Cristo, Tolstoi, Gandhi, Sandino, Chico Mendes entre outros. Todos chámano pai, pois segue sendo sacerdote católico, cunha profunda inspiración evanxélica. É un home de gran bondade, que lle vén de dentro e que contaxia a todos.


Baixo a súa influencia o presidente de Bolivia Evo Morales puido propor á Asemblea Xeral que se votase a resolución de instaurar o día 22 de abril como o Día Internacional da Nai Terra, proposición que foi aceptada por unanimidade. Foi unha honra para min poder expor aos representantes dos pobos os argumentos científicos, éticos e humanísticos desta concepción da Terra como Nai.


Todo isto parece natural e obvio e dun humanismo obvio. Con todo “vexan a ironía”, hai representantes dos países ricos que atopan o comportamento do pai Miguel moi estraño. Hai pouco apareceu un artigo no Washington Post facéndose eco desta calidade. Dicía o articulista que Miguel d'Escoto fala de cousas estrañísimas que nunca se oen na ONU, talles como solidariedade, cooperación e amor. Nos seus discursos saúda a todos como irmáns e irmás (Brothers and Sisters all). Máis estraño aínda, di o articulista, é o feito de que moitos representantes e ata xefes de estado como Sarkozy están asumindo ese mesma linguaxe estraña.


Meu Deus, en que nivel do inferno de Dante atopámonos? Como pode unha sociedade construírse sen solidariedade, cooperación e amor, privada do sentimento profundo expresado na Carta dos Dereitos Humanos da ONU de que todos somos iguais e por iso irmáns e irmás?


Para un tipo de sociedade que optou por transformar todo en mercancía: a Terra, a natureza, a auga e a propia vida, e que coloca o gañar diñeiro e consumir como ideal supremo por encima de calquera outro valor, por encima dos dereitos humanos, da democracia e do respecto ao ambiente, as actitudes do presidente da Asemblea Xeral das Nacións Unidas parecen realmente estrañísimas. Están ausentes do dicionario capitalista.


Debemos preguntarnos pola calidade humana e ética deste tipo de sociedade. Ela representa sinxelamente un insulto a todo o que a humanidade predicou e intentou vivir ao longo de todos os séculos. Non sen razón está en crise, que máis que económica e financeira é unha crise de humanidade. Representa o peor que hai dentro de nós, o noso lado
“demens”. Mostrouse insostible ata financeiramente, exactamente no punto que é central para ela.


Este tipo de civilización non merece ter ningún futuro. Esperemos que Gaia se apiade de nós e non exerza a súa comprensible vinganza. Mais se por dez xustos, segundo di a Biblia, Deus perdoaría a Sodoma e Gomorra, nós esperamos tamén ser salvados polos moitos xustos que aínda florecen sobre a face da Terra. 

Leonardo Boff

http://servicioskoinonia.org/boff/articulo.php?num=328

Sem comentários: