sexta-feira, maio 08, 2009

Galiza, Europa, nomes de muller.

Ana Miranda: Candidata do BNG ás eleccións ao Parlamento Europeo


Na mitoloxía Europa era unha muller, filla de Agenor, o rei de Fenicia, educada por Xúpiter, transformada en touro, que ía a illa de Creta. Era pois unha muller desterrada, expatriada, con influencias propias e alleas.


As primeiras eleccións ao Parlamento Europeo celébranse o 10 de xuño de 1979. No caso do Estado español, en 1989, despois da adhesión en 1986, o BNG presentou como candidato a un dos referentes do nacionalismo galego, Francisco Rodríguez. Posteriormente, o BNG presentou a Carlos Mella como candidato independente, e nos anos 1999 a outro referente, Camilo Nogueira, quen fora elixido eurodeputado concurrindo en solitario, e en 2004, concurrindo coa coalición Galeuscat, e coa desagradable decisión da perda do escano despois dun recurso do PP con profundas irregularidades, e que no seu momento denunciamos como "roubo da presenza do nacionalismo galego na Unión Europea".


Desta volta, o BNG renova e presenta por vez primeira a unha muller, o que significa, sendo eu a afectada e a honrada, un cambio en xénero e idade e situación territorial. Son unha nacionalista galega que vai encabezar, con enorme ilusión e humildade, a lista da nosa formación política ao Parlamento Europeo, con 38 anos recén cumpridos, que vive na diáspora e que cría unha filla de cinco anos en galego en Bruxelas.


Son só unha serie de cuestións diferenciais, que poñen en evidencia, que por razón de xénero ou de idade, o BNG apostou desta volta por unha renovación, que non ten nada a ver nin con criterios comparativos, senón que a militancia, apostou por este perfil diferente neses matices aos anteriores e valiosos candidatos.


Este feito, que asumo con humildade consciente e inconsciente, fai que deba trasladar a esta campaña ao traballo internacional acumulado, tanto da experiencia primeiro en Lovaina, financiando meus estudos con traballo, e logo en Bruxelas, traballando e facendo prácticas e xa despois coa responsabilidade de ter traballado co noso eurodeputado Camilo Nogueira, un referente do nacionalismo ao que lle teño un aprecio persoal pola súa humanidade e pola aprendizaxe na que puiden colaborar como asistente parlamentar durante 5 anos, seguido dos 5 anos que traballei na oficina do PNV, que quero recoñecer de xeito público, como de excelente colaboración lembrando a persoas como Josu Ortuondo, seu eurodeputado, súa equipa e o que fora responsábel de Internacional do EBB Gorka Aguirre.


Partimos pois, a piques de iniciar unha campaña europea, despois de ter perdido o BNG a súa presenza no Goberno galego, nun proceso de debate interno do BNG e con estes índices abstencionistas que navegan sobre os comicios europeos. Aínda así, partimos sen mendo, rumbo a unha Bruxelas coñecida, asumindo este repto con valentía visceral, anímica, razoada, aínda sendo consciente que non é un momento favorábel nin internamente nin externamente, con esta crise integral que toca nosas vilas, cidades e resto do mundo, con consecuencias na vida da xente e do tecido produtivo moi graves.


Neste contexto, as eleccións europeas son unha gran oportunidade para o nacionalismo galego, malia esas opinións críticas que din que estas non son unhas eleccións importantes. Europa aos brincos, aos sobresaltos, ás mudanzas desexadas ás veces e impostas outras, con avances, con paradas, con excesos e eivas, desilusiona cada dia máis pola parálise institucional e a dominancia monolítica dos Estados europeos. Hoxendia máis do 80% da normativa que afecta ás nosas vidas como cidadáns galegos teñen procedencia comunitaria e ese feito fai que teñamos que ter unha posición anticipada, activa e consecuente, para ter presenza con voz e voto, en todos aqueles lugares onde se toman as decisións para o noso pais, e un deles é o Parlamento Europeo, decisión de transcendencia estrutural como as redes transeuropeas, o orzamento comunitario, a pesca, os temas sociais, medio ambiente, etc. Como imos ficar alleos ante isto, como non imos querer ter participación?. Non é certo ese argumento que unha eurodeputada ou eurodeputado non poida ter influencia. Coas alianzas progresistas que o BNG ten no Parlamento Europeo, moitos temas poden saír adiante, e non imos parar para que a vontade do pobo galego que vai facer devolverlle un escano europeo ao BNG, non se sinta defraudada alá en 2013. A mudanza de coalición tamén vai no sentido da aposta por unha mellor Europa, democrática e dos pobos, que garanta, coa nosa presenza, a diversidade e a pluralidade nacional, cultural, lingüística, que defenda unha relación co territorio saudábel e protectora, e que loite por un modelo social que creen emprego, que garanta dereitos e liberdades, que a tantas xeracións de europeas a europeos custoulles acadar, e que fuxa deste empuxe indutivo neoliberal nos plantexamentos e políticas económicas. O BNG quere en positivo unha Europa social e dos Pobos no sentido máis democrático. Por iso a coalición Europa dos Pobos-Os Verdes, comparte visións coa nosa, e neste sentido é unha aposta pola garantía contra as tendencias bipartidistas que se están a dar en toda Europa e que pretenden trasladarse á vindeira representación parlamentar na Eurocámara.


Lia estes dias un informe sobre como incentivar a participación nas eleccións europeas do vindeiro 7 de xuño, que destacaba que as mulleres europeas, eran as menos incentivadas á participar nestes vindeiros comicios. Ten lóxica, estamos as mulleres en canto a baremos de peores condicións salariais e de traballo, as principais afectadas pola crise a nivel mundial e non temos ilusións nin credibilidade na política ou nas institucións. Fronte a isto, as mulleres que participamos na política temos que ter unha actitude tremendamente activa, porque os argumentos da non participación son precisamente o bastión conservador e precisamos dar un xiro rotundo cara visións de sociedade de benestar profundamente de esquerdas.


As galegas e galegas preguntaranse, e por que debo votar?, e por que debo votar ao BNG, e por que debo pensar que unha eurodeputada do BNG pode facer algo por min e polo meu pais?. En primeiro lugar, porque Galiza ficou allea e distante dos múltiples debates europeos nestes cinco anos, e por iso debía aumentarse a incidencia real e permanente nunha realidade institucional da que formamos parte e na que aínda non temos todos os dereitos recoñecidos nin colectivos como nación galega, nin como cidadáns individuais. Por esa razón, queremos unha Europa distinta, que nos recoñeza e nos respecte, non como ate agora. Este feito só pasa pola garantía de que o BNG nos represente. Por esa razón, porque precisamos nesta crise económica, financeira e ecolóxica, presentar alternativas activas e facerlle sentir e confiar á cidadanía galega, que o BNG vai ser seu único aliado fronte a crise, en Galiza, no Estado e na Unión Europea. Na Unión Europea, onde non se tomaron aínda decisións coordinadas para paliar os efectos da crise, e continúan as políticas bilaterais e dende o punto de vista estatal, compre que insistamos sobre o feito que é no Parlamento Europeo a única institución democrática da UE na que podemos e debemos incidir como galegos e galegas.


En segundo lugar, só unha eurodeputada do BNG vai defender a Galiza no Parlamento Europeo. Demostrouse cando o BNG foi botado con aquel recurso oportunista en xullo de 2004 ate a actualidade, Galiza desapareceu oficialmente de ter voz e voto na Eurocámara. Votar o BNG ao Parlamento Europeo é sinónimo de defensa de Galiza, dos nosos sectores produtivos: pesca, leite, naval, medio ambiente… A voz propia do noso país trasladada por quen non ten complexos a defendela, nin mandatos imperativos, nin votos de conveniencia. Ademais, esa presenza implica que exista unha real interlocución ante as institucións europeas escoitar as de calquera colectivo que queira facer súas demandas en Bruxelas. Nunha palabra, é facer visible a Galiza e a súa lingua en Europa. Sen o BNG, Galiza veuse que non existiu nin existe nas decisións comunitarias ou na posibilidade de emendalas ou paralizalas cando vaian contra os nosos intereses, que por outra banda, o Estado non defende. E polo tanto, a non Galiza.


Como non queremos unha non Galiza, co panorama que o PP presenta dunha visión españolista e uniformizante, e como non queremos unha non Europa para os dereitos das traballadoras e traballadores, das persoas sen emprego, dos e das inmigrantes, do noso mar, terra e ar, das nosas comunicacións, da nosa biodiversidade galega, da nosa lingua, cultura, educación, dos nosos nenos e nenas, dos nosos dereitos como pais, pois por esta razón, Galiza ten que estar en Europa, esta vez, e lembrando o traballo feito e a bandeira aquí posta xa previamente do nacionalismo galego, con nome de muller.


E.N. GALIZA / Voceiro nacional de Esquerda Nacionalista nº 10. Primavera 2009.

Sem comentários: